O Colexio de Xornalistas convoca a sexta edición do Premio 'Somos Esenciais'

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia convoca un ano máis, en colaboración con Gadis, o seu premio 'Somos Esenciais', que baixo o lema A información ao servizo da xente premia con 2.000 euros a xornalistas ou fotoxornalistas que publicaran información de temática social en Galicia no 2025. O prazo de presentación de propostas estará aberto ata as 14.00 horas do martes 12 de maio de 2026.

O Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', para publicacións en Galicia durante o 2025, ten como obxectivo recoñecer o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan. O galardón premia o mellor traballo informativo de temática social, e a el poderan presentarse todos os e as xornalistas e fotoxornalistas que publicaran información en Galicia ao longo do ano pasado.

As candidaturas deben presentarse antes das 14.00 horas do martes 12 de maio a través do correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal, e deberán estar acompañadas da ficha de inscrición, ademais do traballo en pdf, formato de imaxe ou arquivo de vídeo ou audio, segundo corresponda. De ser o caso, acompañarase tamén dunha ligazón para localizar o traballo na rede. Estabelécese un único premio de 2.000 euros, aínda que o xurado poderá facer tamén as mencións especiais aos traballos que considere oportunos. 

O xurado estará composto por Belén Regueira Leal, decana do CPXG; Francisco X. González Sarria, vicedecano 3º do CPXG; Darío Janeiro Pereira, secretario do CPXG; Ana Isabel Rodriguez Vazquez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela; María Eimil Méndez, membro do Departamento de Comunicación de Gadisa; e Cristina de la Vega Jiménez, xefa de Comunicacións e Relacions Institucionais da Area Sanitaria A Coruña-Cee e delegada da Asociación Nacional de Informadores de Saúde; ademais de Lara Graña Prieto, como gañadora da pasada edición do Premio 'Somos Esenciais'.

Encontro de xornalismo social

Ademais, como no ano anterior, o premio complementarase cun encontro de xornalismo social convocado co mesmo título. Esta xornada pretende reflexionar sobre o papel esencial do xornalismo social en Galicia e o seu impacto na comunidade, así como recoñecer o labor de xornalistas que traballan en temas de interese social en Galicia. A asistencia será gratuíta e da súa celebración informarase polas canles habituais de comunicación do Colexio.

O primeiro Premio 'Somos Esenciais' gañouno Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña - Cadena SER; con Ángel Paniagua, de La Voz de Galicia, como finalista con «La uci del covid, desde dentro: "No somos héroes"». Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia «O ano da pandemia». Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiron tamén unha mención como finalistas pola reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no Público portugués. Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro foron premiadas en 2022 pola serie de La Opinión A Coruña «Una tarde en Teixeiro: "¿Se porta bien?"», «Con ganas de salir adelante» e «Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle»; e María de La Huerta foi finalista con «Suicidio de mayores, un drama silenciado», do mesmo xornal. En 2023,  Alba Chao, do Faro de Vigo, foi recoñecida por «Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia», mentres que Carolina Sertal resultou finalista con «Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade», publicado en Luzes. E o ano pasado Lara Graña foi a galardoada por «"García del Cid", el buque de luto y cólera», publicado no Faro de Vigo, mentres que Ángel Paniagua recibiu unha nova mención como finalista por «La vida tras el suicidio de una hija: "Esto le puede pasar a cualquiera"», publicado en La Voz de Galicia.

CPXG