O Colexio de Xornalistas convoca unha nova edición do Premio 'Somos Esenciais'

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia convoca, en colaboración con Gadis, a cuarta edición do premio 'Somos Esenciais', dotado con 1.500 euros. Baixo o lema A información ao servizo da xente, o galardón premia a xornalistas ou fotoxornalistas que publicaran información de temática social en Galicia no 2023. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata as 14.00 horas do martes 30 de abril de 2024.

O Colexio Profesional de Xornalistas (CPXG), coa colaboración de Gadis, convoca a cuarta edición do Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', co obxectivo de recoñecer o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan. Co lema A información ao servizo da xente, este galardón premia o mellor traballo informativo de temática social, e a el poderan presentarse todos os e as xornalistas e fotoxornalistas que publicaran información de temática social en Galicia ao longo do ano pasado.

As candidaturas deben presentarse antes das 14.00 horas do martes 30 de abril a través do correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal, e deberán estar acompañadas da ficha de inscrición, ademais do traballo en pdf, formato de imaxe ou arquivo de vídeo ou audio, segundo corresponda. De ser o caso, acompañarase tamén dunha ligazón para localizar o traballo na rede. Estabelécese un único premio de 1.500 euros, aínda que o xurado poderá facer as mencións especiais aos traballos que considere oportunos. 

O xurado estará composto por Francisco X. González Sarria, decano do CPXG; Belén Regueira Leal, vicedecana segunda do CPXG; Darío Janeiro Pereira, secretario do CPXG; Ana Isabel Rodriguez Vazquez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela; María Eimil Méndez, membro do Departamento de Comunicación de Gadisa; Lara Dopazo Ruibal, vogal da Xunta Directiva de Agareso, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social; e Cristina de la Vega Jiménez, xefa de Comunicacións e Relacions Institucionais da Area Sanitaria A Coruña-Cee e delegada da Asociación Nacional de Informadores de Saúde; ademais de Vanessa Casteleiro Martínez e Gemma Malvido Otero como gañadoras da pasada edición.

Na primeira edición do Premio 'Somos Esenciais' resultou gañadora Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña - Cadena SER, e finalista a reportaxe «La uci del covid, desde dentro: "No somos héroes"», publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia. Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia «O ano da pandemia». O equipo formado por Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiu tamén unha mención especial como finalistas pola reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no xornal portugués Público. Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro foron as gañadoras da edición de 2022 pola serie de reportaxes en La Opinión A Coruña «Una tarde en Teixeiro: "¿Se porta bien?"», «Con ganas de salir adelante» e «Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle»; con María de La Huerta, como finalista coa peza «Suicidio de mayores, un drama silenciado», publicada no mesmo xornal.

Máis información nas bases do premio ou a través do correo xornalistas@xornalistas.gal.

CPXG