O Colexio de Xornalistas de Galicia e o Col·legi de Periodistes de Catalunya apoian os colexiados Xabier Fortes e Enric Juliana e defenden a liberdade de información

As Xuntas de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e do Col·legi de Periodistes de Catalunya manifestamos o noso apoio aos colexiados Xabier Fortes e Enric Juliana ante o intento de coartar a súa liberdade profesional.

O xornalista Xabier Fortes, director e condutor do programa La Noche en 24 horas, dirixiuse ao CPXG, do que é colexiado, tras recibir un burofax do avogado de Alberto González Amador no que se lle advirte dun acto de conciliación previo á interposición dunha querela por inxurias e calumnias por referirse ao seu defendido como “autor confeso de un fraude fiscal”. Este documento sinalaba tamén o xornalista Enric Juliana, colaborador do mesmo espazo e colexiado do Col·legi de Periodistes de Catalunya, así como os analistas Luis Arroyo e Pablo Simón. Estimamos que os nosos colexiados informaron a súa audiencia de xeito veraz, posto que difundiron información comprobada segundo os procedementos da profesionalidade informativa, en aplicación do artigo 20 da Constitución Española.

Coa vontade de defender os nosos membros e o dereito á información,  o CPXG e o Col·legi de Periodistes ofrecimos apoio xurídico aos afectados. Ademais, denunciamos que esta ameaza xudicial representa unha presión inaceptábel contra os profesionais, vulnerando a liberdade de información e o acceso da cidadanía a información veraz.

Finalmente, as entidades alertamos sobre o uso abusivo da vía penal contra xornalistas e sinalamos que esta práctica constitúe unha forma de intimidación. Lembramos tamén que a Directiva 2024/1069 do Parlamento e o Consello Europeo sinala a necesidade de protexer os e as xornalistas ante estas accións. Ambas as dúas entidades reiteramos o noso compromiso coa defensa da independencia profesional e a liberdade de información.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Junta de Govern del Col·legi de Periodistes de Catalunya