O Colexio de Xornalistas desaproba que a AESIA iguale as titulacións en xornalismo e dereito para un posto de comunicación

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia rexeita a convocatoria dunha praza de asesor ou asesora de comunicación na Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial, na que se require como titulación "Periodismo, Dereito ou equivalente", e lembra que só os estudos en comunicación garanten un correcto tratamento da información para un posto público.  

A decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira Leal, en nome da Xunta de Goberno, dirixiuse por carta a Ignasi Belda, director xeral da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), para transmitirlle o rexeitamento do CPXG ás condicións da praza de asesor ou asesora de comunicación na convocatoria de proceso selectivo aberta para 19 postos de persoal laboral fixo na devandita axencia, con sede na Coruña. En concreto, a praza de asesor ou asesora de comunicación, con retribución de 91.800 euros, ten como requirimento as titulacións de "Periodismo, Dereito ou equivalente”, malia que entre as súas funcións só se citen traballos claramente xornalísticos como o deseño de políticas e estratexias de comunicación, plans de divulgación, campañas de comunicación, plans de continxencia ante crises comunicativas e reputacionais ou a xestión da presenza en medios.

Na súa resposta, o director xeral da AESIA xustificaba a inclusión da titulación de Dereito ao par da de xornalismo na complexidade do recente desenvolvemento normativo relativo á intelixencia artificial, así como na necesidade de trasladar axeitadamente o contido desta lexislación á cidadania, malia a que estas cuestións non estean especificadas na convocatoria da praza. Desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia non se obxecta nada ao requirimento dun perfil pluridisciplinar para a praza, pero en calquera caso resulta imprescindíbel que quen asuma a asesoría de comunicación dispoña da titulación que garante os coñecementos no ámbito da información e a comunicación.

Como este Colexio ten manifestado en numerosas ocasións, só a titulación en Xornalismo, Comunicación Audiovisual, ou no seu caso a colexiación, poden asegurar que a elaboración da información sexa tratada coas garantías e a profesionalidade que require un posto público. Para defender a contratación de xornalistas nos postos de comunicación da administración pública, o CPXG promove na nosa comunidade o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, que xa foi asinado pola Federación Galega de Municipios e Provincias e polo Concello da Coruña. Por estas razóns, o CPXG rexeita a redacción da convocatoria da AESIA e insta á axencia a reformulala nuns termos que sexan adecuados para garantir a comunicación profesionalizada que merece a cidadanía.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia