O Colexio de Xornalistas e a Obra Social "la Caixa" convocan unha nova edición de Xornalismo na Escola “la Caixa”

Obradoiro da cuarta edición Xornalismo na Escola "la Caixa" celebrado o 9 de abril no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa' convocan a quinta edición de Xornalismo na Escola “la Caixa”, o programa de talleres didácticos sobre comunicación para o alumnado galego que xa ten chegado a mais de 10.000 escolares de 3º e 4º da ESO. Seis xornalistas en paro serán seleccionados para impartir os obradoiros en toda Galicia.

As xornadas impartiranse nun total de 90 obradoiros para escolares de 3º e 4º da E.S.O, distribuídos entre I.E.S de toda a comunidade. Para impartir os talleres, convócanse seis prazas ás que poderán concorrer calquera colexiado ou colexiada do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que acredite atoparse en paro. Tamén se poderán presentar colexiados ou colexiadas cunha situación de renda baixa, quedando a decisión da comisión da organización se son incluídos ou non na selección final. A comisión terá en conta a condición de parado de longa duración, o coñecemento de galego e a experiencia profesional e en docencia, sen prexuízo de valorar outras cuestións de interese. A facilidade de desprazamento será un requisito imprescindible dadas as características xeográficas do proxecto. 

Nos distintos obradoiros, estes profesionais van familiarizar os escolares galegos co funcionamento dos medios de comunicación, para que os alumnos saiban a importancia da información nunha sociedade democrática, coñezan o papel dos profesionais do xornalismo e valoren a importancia de contrastar as informacións. Tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías.

As persoas interesadas en impartir as xornadas deben enviar antes das 19:00 horas do 6 de novembro a documentación que figura no anexo das bases e un breve currículo por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal

Os IES interesados nos obradoiros poden tamén solicitalos a través do correo xornalistas@xornalistas.gal, indicando un teléfono ou correo electrónico para contactar coa persoa responsable da actividade.

Máis de 360 talleres realizados por toda a xeografía galega

As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola’ “la Caixa” desenvolveronse con grande éxito entre o 2016 e o 2019 con case 360 talleres de comunicación en puntos de toda a xeografía galega, levando estes obradoiros a máis de 10.000 alumnos e alumnas da comunidade galega. Coa nova edición, profúndase aínda máis en dar a coñecer os medios de comunicación ao conxunto de mozas e mozos galegos.

Este proxecto é posible grazas á colaboración da Obra Social 'la Caixa', quen hai catro anos impulsou xunto co Colexio de Xornalismo esta iniciativa de sensibilización sobre a importancia da comunicación na sociedade entre os máis novos.  

Consulta as bases no documento anexo

CPXG