O Colexio de Xornalistas e a Xunta publican unha guía para informar sobre a conduta suicida

  • Eliana Martins, do CPXG; Yolanda Triñanes, xefa de servizo na Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental do Sergas e Juan José Escudero, da asociación Sendas, na xornada de presentación da guía
  • Inauguración da presentación coa decana da facultade Ana Isabel Rodríguez, o conselleiro de sanidade Antonio Gómez Caamaño e a decana do CPXG Belén Regueira

As Recomendacións para profesionais dos medios de comunicación ao informar sobre a conduta suicida, presentadas hoxe, recollen pautas para realizar un tratamento responsábel da conduta suicida que sirva tamén para contribuír á súa prevención. O documento está realizado polo Colexio Profesional de Xornalistas e a Xunta de Galicia, a partir dun grupo de traballo no que participaron xornalistas, profesionais da saúde mental e membros da Consellería de Sanidade e da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Xunta de Galicia presentaron esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela as Recomendacións para profesionais dos medios de comunicación ao informar sobre a conduta suicida, un documento que recolle indicacións prácticas para as e os xornalistas para realizar un tratamento responsábel e que sirva como ferramenta para previr a conduta suicida. 

A guía reúne distintas pautas a ter en conta desde a comunicación, como mitos a combater á hora de tratar a conduta suicida, definicións de conceptos clave, consellos para saír da crónica de sucesos e converter a información nunha ferramenta de prevención, indicacións sobre a linguaxe axeitada ou teléfonos de axuda. Inclúe tamén unha ligazón ás Recomendaciones para el tratamiento del suicidio por los medios de comunicación elaboradas polo Ministerio de Sanidade coa colaboración da Rede de Colexios de Xornalistas, para ampliar información. 

O obxectivo é favorecer unha información adecuada da conduta suicida que axude á prevención dotando a cidadanía dos recursos necesarios para pedir axuda e rachando cos estigmas e tabús presentes na sociedade. Para o Colexio de Xornalistas era unha preocupación importante, tendo en conta a prevalencia das mortes por suicidio na nosa comunidade, poder contar cun documento que, seguindo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde, servise de referente do cambio de enfoque que, fronte á práctica histórica do silencio, implica unha información de carácter preventivo sobre este problema social. Neste sentido, o Colexio xa avanzara camiño co Guía práctica para o tratamento informativo dos suicidios incluída no documento Informa_Dor

As Recomendacións para profesionais dos medios de comunicación ao informar sobre a conduta suicida foron elaboradas por un grupo de traballo no que participaron xornalistas, profesionais da saúde mental e membros da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. A parte xornalística estivo representada por Eliana Martíns, María Piñeiro, Ángel Paniagua e Catalina Pérez Santiso.

No acto de presentación do documento, o Colexio de Xornalistas estivo representado pola decana Belén Regueira Leal, que inaugurou a xornada recordando que "o silencio invisibilizou un problema social de gran dimensión ao que o xornalismo debe atender" e que o cambio de paradigma require "unha escoita atenta ás profesionais da saúde mental e ás superviventes e reflexión conxunta entre xornalistas", e Eliana Martíns Alvela, membro da Xunta de Goberno e do grupo de traballo da guía, que participou nunha mesa redonda na que salientou a importancia do Código Deontolóxico e a necesidade de encontrar un equilibrio entre a obriga de informar e a responsabilidade de axudar á prevención da conduta suicida. 

CPXG

Relacionada: O CPXG lembra as recomendacións sobre tratamento do suicidio e abre ás colexiadas e colexiados o webinar sobre esta temática.