O Colexio de Xornalistas e Agareso organizan un encontro con menores trans para coñecer a súa realidade

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a ONGD Agareso, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, organizan un encontro con mocidade trans para que o colectivo de xornalistas coñeza de primeira man o seu punto de vista sobre como se transmite a súa realidade. A xuntanza vai celebrarse o vindeiro xoves 27 de  xuño, ás 18.00 horas, na Casa Xohana Torres de Santiago de Compostela (Rúa de Bernardo Barreiro de Vázquez Varela, 8-12).

O encontro encádrase na edición deste ano do proxecto Xeración Contrainfo, na que Agareso traballou contra o discurso LGBTfóbico nas aulas de Secundaria, man a man con entidades como a asociación de menores e mocidade trans de Galicia Arelas, o colectivo Avante LGBT+ Galiza e a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia. O obxectivo é atallar a raíz do mecanismo que xera os discursos de odio, partindo da necesidade de mellorar a alfabetización mediática do alumnado para evitar que callen os discursos emitidos polos grupos extremistas nas redes sociais e que, como se vén demostrando noutras latitudes, poden levar a nosa adolescencia cara a posicións intolerantes e radicalizadas. Con este acto, e tras o remate do proxécto, compártese cos e as profesionais dos medios de comunicación as aprendizaxes e as experiencias de vida de parte da rapazada protagonista.

O acto é aberto a todas as e os xornalistas. Para máis información pode consultarse co Colexio de Xornalistas no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal.

CPXG