O Colexio de Xornalistas expresa o seu pesar polo pasamento de José Manuel Orriols
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no nome de toda a profesión, lamenta profundamente o falecemento, este luns 20 de outubro, do xornalista e colexiado José Manuel Orriols Núñez, e traslada as súas condolencias á familia e achegados.
Nado en 1948 en Ferrol, José Manuel Orriols Núñez estudou Enxeñaría Técnica e Delineación Industrial antes de licenciarse en Ciencias da Comunicación pola Universidade Complutense de Madrid. Colaborou en Ferrol Diario e en Europa Press antes de entrar a traballar na Televisión de Galicia, onde foi responsábel de programas como Galicia Enteira, Galicia Fin de semana ou Escola a Escola, ademais de xefe do departamento de Comunicación e Relacións Externas. Un referente do xornalismo vinculado ao Motor, foi responsábel das seccións desta temática de La Voz de Galicia, La Opinión de A Coruña e a COPE Ferrol, ademais de colaborar coa revista Crono Motor. Exerceu tamén a xefatura de prensa do campionato mundial de baloncesto de 1986, da Cámara de Comercio e da Feira Internacional de Mostras do Noroeste de Ferrol. Nos últimos anos, mantiña unha colaboración en Radio Voz, cun programa dedicado á gastronomía e o turismo, e na publicación mensual HUM de La Voz de Galicia.
O seu velatorio está a realizarse na sala 2 do tanatorio Albia de Ferrol, e a cerimonia de despedida realizarase na parroquia de San Nicolás de Neda. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia traslada o seu pésame a toda a familia e as persoas achegadas.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia