O Colexio de Xornalistas insiste na importancia da formación para combater as violencias machistas desde as redaccións
No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas fai fincapé na necesidade de estender a formación específica, como a que se realizou estes meses nas redaccións de cinco dos principais medios galegos grazas a un convenio coa Consellería de Politica Social e Igualdade, a todos os ámbitos da profesión, para garantir o compromiso coa perspectiva de xénero necesaria para contribuír desde o xornalismo á erradicación das violencias machistas.
Con motivo da conmemoración, este 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere insistir en que a loita contra a desigualdade e as violencias machistas é unha das principais preocupacións deste Colexio, á que se teñen dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai mais de vinte anos, da Declaración de Compostela. Como xa se destaca nese documento, cómpre encadrarmos as violencias de xénero dentro do contexto da ideoloxía patriarcal, profundamente enraizada na nosa sociedade, que é preciso combater cunha necesaria perspectiva de xénero nas informacións, para que os medios de comunicación respondan con responsabilidade ao papel que deben ter na loita contra as distintas violencias machistas.
Neste sentido, o Colexio de Xornalistas ten feito unha importante aposta pola formación, con distintos cursos online dispoñíbeis de maneira gratuíta para colexiadas e colexiados e documentos de recomendacións accesíbeis a toda a profesión. Mais é preciso avanzar aínda máis para que o compromiso cunha sociedade igualitaria acade todas as instancias do xornalismo. E, neste sentido, é especialmente importante o traslado da formación específica en tratamento das violencias machistas ao seo das redaccións, que este ano se realizou, grazas a unha experiencia pioneira, froito dun convenio coa Consellería de Politica Social e Igualdade no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, en cinco dos principais medios da nosa comunidade: Faro de Vigo, El Progreso, Europa Press, a Cadena Ser e La Voz de Galicia.
Cómpre seguir a traballar para que nos próximos anos esta formación se repita nestas e noutras redaccións galegas, até que os coñecementos e ferramentas necesarios para un tratamento axeitado das violencias machistas cheguen ao conxunto dos e das xornalistas da nosa comunidade, independentemente dos medios nos que traballen, da súa situación xeográfica ou do ámbito de especialización. Porque o camiño para erradicar as violencias machistas pasa tamén por unha implicación de toda a profesión na loita pola igualdade de xénero.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia