O Colexio de Xornalistas insta os medios a aprobar protocolos contra o acoso sexual ou por razón de sexo

No 25 de novembro, Día pola Eliminación da Violencia de Xénero, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recorda que é obrigatorio para todas as empresas, tamén as mediáticas, dispór de procedementos para previr e actuar contra o acoso sexual ou por razón de sexo, así como difundilos correctamente entre o cadro de persoal. Por iso, chama a todos os medios de comunicación galegos a poren en marcha protocolos contra as distintas violencias machistas que se poidan dar nas redaccións.

Con motivo do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar que tamén no seo das redaccións e das empresas mediáticas se producen episodios de violencias machistas. A estrutura patriarcal que alicerza as distintas discriminacións de xénero segue a estar inserta na nosa sociedade, e o ámbito do xornalismo non resulta alleo a ela. Segundo os datos da Federación Internacional de Xornalistas, case dous terzos das traballadoras dos medios teñen sufrido intimidacións, ameazas ou abusos. E, na nosa contorna, a asociación Xornalistas Galegas recollía as testemuñas de máis dun cento de comunicadoras sobre as distintas situacións de violencias por cuestión de xénero que sufriron persoalmente ou das que tiveron coñecemento. Especialmente preocupante é o caso da violencia dixital, que afecta, segundo un informe da Unesco, ao 73% das xornalistas de todo o mundo.  

Ante esta situación, resulta esencial reclamar o compromiso e a firmeza de todos os axentes implicados, para continuar a darmos pasos no rexeitamento de todas as violencias machistas. É por iso que é importante lembrar ás direccións dos medios de comunicación que están obrigadas, como calquera outra empresa, sen importar o seu tamaño, a tomaren medidas para garantir a prevención do acoso sexual, o acoso por razón de sexo e outras condutas contrarias á liberdade sexual e a integridade moral, do mesmo xeito que para actuar contra todas elas en calquera das súas manifestacións. A ferramenta axeitada para iso é a aprobación de protocolos de prevención e actuación, que non só evidencian a vontade proactiva das empresas contra estas violencias no interior dos medios, senón que estabelecen as vías de denuncia, resolución e resposta ante calquera tipo de actuación que se poida considerar constitutiva de acoso.

Lamentabelmente, o devandito estudo realizado polas Xornalistas Galegas xa puña de manifesto o lonxe que están os medios da nosa comunidade desa necesaria actitude proactiva en prol da igualdade. Máis da metade das comunicadoras enquisadas declaraban que a súa empresa non tiña ningún protocolo contra o acoso (40,9%) ou que, no caso de telo, descoñecían a súa existencia (17,3%). Cómpre insistir en que non só é obrigatoria a aprobación e posta en marcha deste tipo de procedementos, senón que tamén resulta preceptiva a súa correcta difusión entre todo o persoal. Xa que logo, instamos a todos os medios de comunicación de Galicia a aprobaren protocolos de prevención e actuación fronte ao acoso sexual ou por razón de sexo, e a difundilos de maneira adecuada entre todas as xornalistas e os xornalistas, na busca da eliminación das distintas violencias machistas nas redaccións. Como non podía ser doutro modo, o Colexio de Xornalistas ten aprobado o seu propio protocolo. E as persoas colexiadas vítimas de acoso tamén poden facer uso, como noutras circunstancias, da asesoria xurídica gratuíta do Colexio. Só actuando desde todas as frontes poderemos gañar a imprescindíbel loita pola igualdade.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia