O Colexio de Xornalistas lamenta o expediente a Cuac FM e chama a conceder licenzas aos medios comunitarios

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta a apertura dun expediente sancionador á emisora comunitaria da Coruña Cuac FM e insta á Xunta de Galicia a que desenvolva a Lei Xeral da Comunicación Audiovisual para que os medios comunitarios poidan acceder a licenzas de radio e televisión.

Cuac FM, emisora radiofónica comunitaria da cidade da Coruña que levaba en antena desde 1996, recibía o pasado 21 de setembro a comunicación da incoación dun expediente sancionador por emitir “sen dispor da correspondente licenza”, pola que se expón a unha sanción de entre 100.001 e 200.000 euros. Por esta razón, esta radio anunciou a súa saída do dial logo de 21 anos, emitindo xa soamente a través da Internet.

A situación da Cuac FM entraría dentro dos supostos da Disposición transitoria decimocuarta da Lei Xeral da Comunicación, que estabelece que "os servizos de comunicación comunitarios sen ánimo de lucro que estiveran en funcionamiento con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2009 (...) optarán a licenzas ou autorizacións no ámbito de cobertura no que viñan prestando a súa actividade". Pero nin esta, nin a mención aos medios comunitarios do artigo cuarto da lei tiveron ningún tipo de desenvolvemento regulatorio, ao convocárense unicamente licenzas para radios comerciais.

Numerosos organismos internacionais teñen mostrado o seu apoio aos medios comunitarios, e o propio Congreso dos Deputados instou recentemente ao Goberno central, a través dunha proposición non de lei, a regular a concesión de autorizacións temporais aos servizos de comunicación comunitarios que entraran no previsto pola Disposición transitoria decimocuarta. A todos eses posicionamentos só cómpre engadir, se cadra, que os medios comunitarios teñen tido un papel moi importante no desenvolvemento da comunicación na nosa comunidade, tanto garantindo a pluralidade informativa como sendo o espazo de formación de numerosos xornalistas.

As ferramentas xurídicas para garantir un espazo ás radios e televisións comunitarias existen, só é precisa a vontade política para facelo. Por iso, o Colexio de Xornalistas insta a Xunta de Galicia a desenvolver, no prazo máis curto posíbel, a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, de xeito que se garanta a supervivencia dos medios comunitarios e non se siga a reducir o ecosistema informativo galego.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia