O Colexio de Xornalistas lamenta o recurso do Goberno contra a indemnización á familia Couso e ínstao a garantir a seguranza dos xornalistas de guerra

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta profundamente o paso atrás que supón a decisión do Goberno español de recorrer ante o Tribunal Supremo a sentenza da Audiencia Nacional que condenara ao Estado a pagar unha indemnización á familia de José Couso por omitir o seu deber e non ter prestado axuda diplomática nin para o recoñecemento do carácter ilícito do ataque ao Hotel Palestine en 2003 nin para a reparación das súas consecuencias. 

Como lembrabamos no momento de se producir o ditame da Audiencia Nacional, esta sentenza significaba "a primeira admisión oficial da indefensión da família Couso e o recoñecemento da inacción da Administración ante o asasinato do xornalista galego", mais non podía significar "nin o esquecemento deste crime de guerra nin o abandono da loita por que se faga xustiza e teña reparación".  O recurso do goberno significa un novo atranco nun proceso que xa leva durado demasiados anos. 

Arancha González Laya, ministra de Asuntos Exteriores, aseguraba onte que asumir a indemnización ordenada pola Audiencia Nacional significaría un precedente "inasumíbel" para o Estado. O Colexio de Xornalistas considera que o verdadeiramente inasumíbel é que, logo de 17 longos anos, o asasinato de José Couso continúe impune e que a investigación deste crime siga a estar chea de estorbos e pasos atras que o único que fan é impedir que se faga xustiza. 

A loita pola resolución e reparación do caso Couso, que o Colexio de Xornalistas acompaña agora e sempre, significa moito máis que a xustiza para o asasinato do cámara ferrolán. O seu recoñecemento representa un primeiro paso para a seguranza de todos os xornalistas nos conflitos armados, quer con protocolos para a súa protección quer garantindo que os ataques aos informadores non queden impunes. E esta seguranza, imprescindíbel para a liberdade de información, debera ser unha prioridade para calquera goberno democrático.  

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

La Red de Colegios Profesionales de Periodistas lamenta el recurso del Gobierno contra la indemnización a la familia Couso y le insta a garantizar la seguridad de los periodistas de guerra