O Colexio de Xornalistas lamenta profundamente a morte de María Doallo
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresa o seu fondo pesar pola morte prematura, aos 35 anos, da xornalista ourensá María Doallo Freire. No nome de toda a profesión, transmite as súas condolencias á familia, amizades e á delegación de La Voz de Galicia en Ourense, onde desenvolvía o seu traballo.
María Doallo Freire, Doa, licenciouse en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, ademais de especializarse en xornalismo cultural na Universidad San Pablo-CEU. Na capital estatal realizou as prácticas no xornal La Razón, para regresar despois a Ourense, a súa cidade natal. Tras realizar outros traballos fóra do xornalismo, entrou en 2019 na redacción de La Voz de Galicia, primeiro cubrindo unha substitución en Valdeorras e logo na sección de sociedade e cultura. Foi membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e definíase como "experta en dar noticias boas (e bonitas), ademais de ser amante do cinema, o teatro e a literatura.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia traslada o pésame a toda a familia e as persoas achegadas e acompaña ás e aos xornalistas ourensáns nestes duros momentos.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia