O Colexio de Xornalistas lamenta profundamente o falecemento de Xavier Navaza

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no nome de toda a profesión, quere expresar o seu pesar polo falecemento este luns 9 de Xavier Navaza Blanco, e traslada as súas condolencias á familia e persoas achegadas. Navaza, de 76 anos, foi colexiado até o momento da súa xubilación.  

Xavier Navaza Blanco naceu en Lalín en 1948 e tras estudar Enxeñería Técnica Naval comezou a traballar a comezos dos 70 no xornal Tele/Exprés de Barcelona, o que o levaría a licenciarse en Ciencias da Información na Universidade Autónoma en 1976. Naquela altura, realizou reportaxes para algunhas das revistas máis influíntes da Transición, como Interviú, La Calle e Actual. De regreso a Galicia, foi cofundador da revista Teima e correspondente de El Periodico de Catalunya, Pueblo e Informaciones. En 1979 foi nomeado xefe do gabinete de prensa da Xunta de Galicia, posto no que perteneceu ata 1990. Posteriormente foi subdirector de Xornal Diario de Pontevedra (1991) e puxo en marcha distintos programas na CRTVG, como Etcétera. A última etapa da súa vida laboral estivo vinculada especialmente ao xornal compostelán El Correo Gallego.

Os servizos funerarios de Xavier Navaza Blanco están a realizarse nos Velatorios de Lalín (Avenida Buenos Aires, 26), desde onde as 18:00 horas deste martes sairá o cortexo fúnebre cara a Igrexa de Santa María das Dores de Lalín, onde se celebrará o funeral. O finado será incinerado na intimidade familiar. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar o seu fondo pesar polo falecemento deste compañeiro e trasladar o cariño de toda a profesión á súa familia e persoas achegadas.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia