O Colexio de Xornalistas lanza a campaña #NonDifundasMachismo

Con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lanza esta semana a campaña de Twitter e Facebook #NonDifundasMachismo, coa que quere concienciar contra a persistencia de tratamentos machistas nas informacións dos medios de comunicación.

A campaña #NonDifundasMachismo, que estará en marcha ao longo desta semana, consiste na publicación a través de Twitter e Facebook de titulares, informacións ou imaxes que exemplifiquen distintos estereotipos e comportamentos que continúan a tinxir de sexismo a imaxe das mulleres nos medios de comunicación. Todos os exemplos irán acompañados dunha pequena explicación e do hashtag #NonDifundasMachismo.

Desde o Colexio de Xornalistas chámase a compartir os distintos chíos para visibilizar o problema da persistencia de tratamentos machistas nos medios, así como a compartir calquera outro tipo de exemplos destas prácticas sexistas usando o hashtag #NonDifundasMachismo.

CPXG