O Colexio de Xornalistas lembra que o xornalismo tamén é esencial para a supervivencia do galego

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresa a súa preocupación polos datos recentes sobre o uso do galego e reclama medidas valentes de normalización para garantir que os medios cumpran co papel que lles corresponde no mantemento desta lingua, así como unha aposta polo xornalismo de proximidade. 

Con motivo da celebración deste ano do Día dos Medios en Galego, resulta inevitábel facer referencia aos datos publicados recentemente polo Instituto Galego de Estatística sobre o uso da lingua. Tras cinco anos desde o último estudo, a enquisa estrutural a fogares sobre o coñecemento e uso do galego viña a confirmar a preocupante situación cara á que viña apuntando a serie histórica. O galego xa non é a lingua predominante en Galicia e o seu coñecemento e comprensión está claramente a recuar. Mesmo o tanto por cento de poboación que se considera capacitada para escribir en galego, que aumentara progresivamente nas enquisas anteriores, sofre un retroceso nesta última. 

Perante estes datos, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembra que o xornalismo en galego ten tamén un papel fundamental para a supervivencia da lingua. De feito, as devanditas cifras vólvense aínda máis preocupantes cando ollamos o consumo de medios: o 55,38% da poboación só le prensa en castelán, o 43,74% só escoita a radio en castelán e o 34,41% só ve a televisión en castelán. Se sumamos os datos daquelas persoas que din consumir os medios máis en castelán que en galego, as porcentaxes soben até o 95,46%, 84,87% e 81,42%, respectivamente. 

Estes datos, con todo, non poden sorprendernos nun ecosistema mediático que, contra a realidade histórica de Galicia, tense desenvolvido de maneira moi maioritaria en castelán. Para que os medios de comunicación galegos se parezan máis lingüisticamente á sociedade que queren reflectir, son necesarias políticas valentes que regulen dunha maneira efectiva as axudas, e mesmo a concesión de publicidade institucional, para potenciar que o xornalismo en galego sexa unha realidade e non só unha anécdota entre as páxinas e minutos de información en castelán. E, por suposto, que non se dean pasos atrás en modelos que se demostraron de éxito na información en galego. 

Por último, cómpre lembrar que o desenvolvemento da información en galego está tamén ligado á información de proximidade, un tipo esencial de xornalismo que periga ante os recortes e as distintas crises no sector da comunicación. A identificación que boa parte da sociedade galega fai da lingua coa súa contorna máis próxima facilita que a información local sexa non só un espazo máis propicio senón até favorecedor para o uso do galego. Potenciar os medios locais, as delegacións e o emprego de xornalistas nas cidades e vilas é tamén unha maneira de loitar polo mantemento da lingua. E por uns medios que representen mellor á sociedade galega. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia