O Colexio de Xornalistas oponse á extradición de Julian Assange aos Estados Unidos
Cando se vai decidir sobre o último recurso contra a extradición de Julian Assange, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai un chamamento aos tribunais británicos para que se impida o seu traslado aos Estados Unidos para ser procesado por espionaxe. O fundador de Wikileaks, organización gañadora do Premio Couso en 2011, representa o espírito de revelación de segredos do xornalismo, e a súa actividade e a das persoas filtradoras debera ser protexida.
Este martes 20 e mércores 21 de febreiro, o Tribunal Superior de Xustiza británico revisará os argumentos da defensa de Julian Assange para evitar que se execute a extradición aos Estados Unidos do xornalista e activista australiano, ordeada por esta mesma corte en xuño de 2022. Este é a última recurso de apelación que ten o fundador de Wikileaks nos tribunais de escala nacional, e se for rexeitada, só ficaría recorrer ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, unha situación non exenta de incertidume, pois o Reino Unido ten apuntado nalgunhas ocasións a posibilidade de abandonar a corte de Estrasburgo.
Son xa case doce anos os que Julian Assange leva en distintos réximes de privación de liberdade, desde que en 2012 decidira refuxiarse na embaixada de Ecuador ante a negativa británica a facilitarlle unha saída segura a este país, que lle facilitara asilo diplomático. E en todos estes anos, exceptuando unha acusación en Suecia por delitos sexuais, posteriormente fechada por falta de probas e que foi vista por algunhas organizacións como un instrumento para facilitar unha posterior extradición aos EUA, todas as reclamacións legais sobre Assange teñen a súa base na publicación de informacións no portal WikiLeaks sobre a participación estadounidense nas guerras de Irak e Afganistán, polo que agora se lle imputan nun tribunal de Virginia dezaoito delitos relacionados con espionaxe e crimes informáticos.
Como xa manifestou en 2019, cando o xornalista australiano foi detido tras abandonar a embaixada de Ecuador, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera especialmente preocupante a insistencia en xulgar a Assange por destapar informacións e revelalas ao público, cando a acción da xustiza debera dirixirse mais ben cara a aqueles que mentiron e ocultaron a verdade desde todo tipo de instancias públicas. O labor da organización Wikileaks dando a coñecer segredos e pondo en marcha novas formas para facilitar as filtracións representa a esencia do mellor xornalismo, o que sempre loito por difundir aquilo que alguén non quere que se saiba, e por iso recibiu en 2011 o Premio José Couso de Liberdade de Prensa. A obriga de toda sociedade democrática debera ser protexer a súa actividade e a seguridade de quen filtra a información. e non despregar toda unha rede de batallas legais e espionaxe contra eles.
Por todo isto, o Colexio de Xornalistas quere unir a súa voz ás das moitas organizacións internacionais que están a saír na defensa do fundador de Wikileaks e facer un chamamento ás autoridades xudiciais británicas para que de ningunha maneira sexa extraditado aos Estados Unidos. A aplicación das leis de espionaxe a Assange por causa da publicación de informacion veraz e contrastada só significaría un novo golpe, tremendamente duro, á liberdade de prensa e ao exercicio do xornalismo a nivel internacional. A saúde e a vida persoal de Assange xa se viron demasiado afectadas polos ataques sufridos ao longo destes anos, mais aínda estamos a tempo de salvar o que significa o seu traballo: a posibilidade dunha sociedade mellor informada.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia