O Colexio de Xornalistas organiza un encontro de xornalismo cultural no Culturgal

Imaxe do Encontro de Xornalismo Cultural

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Concello de Pontevedra e o Culturgal organizan o sábado 29 de novembro na Sala VIP do Pazo da Cultura de Pontevedra un Encontro de xornalismo cultural que reunirá algunhas das principais voces da información sobre cultura da nosa comunidade. A xuntanza, encadrada dentro dos actos do Culturgal, desenvolverase entre as 11:00 e as 13:00 e xa ten aberta a inscrición gratuíta.

Con estas conversas entre profesionais da información cultural quérese reivindicar a importancia desta área de especialización e fornecer un espazo de reflexión profesional sobre o contexto no que se exerce actualmente. Para promover o debate sobre a situación actual da información sobre cultura e os desafíos aos que se enfronta, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Concello de Pontevedra e o Culturgal organizan un Encontro de xornalismo cultural, que terá lugar o vindeiro sábado 29 de novembro, a partir das 11:00 horas, na Sala VIP do Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa de Alexandre Bóveda, s/n), no marco da programación de Culturgal.

O encontro vai comezar coa mesa redonda "Presente e futuro do xornalismo cultural", na que se reflexionará sobre o percorrido desta temática xornalística como área de especialización informativa: da súa presenza nos medios tradicionais aos novos formatos de comunicación e o seu papel na mediación e prescrición cultural. No debate van participar Marta Gómez, xornalista de RNE e directora do programa Zig Zag da TVG do 2018 ao 2025; Ana G. Liste, xornalista de Praza e Vinte; Tamara Montero, xornalista de La Voz de Galicia e Ramón Rozas, xornalista do Diario de Pontevedra. Moderará a sesión Iolanda F. Casal, membro do pleno territorial do Colexio de Xornalistas. 

Ao remate da primeira mesa realizarase unha pausa, tras a que regresará o programa co debate "Xornalismo e comunicación cultural: sinerxias e malentendidos", no que profesionais dos medios e da comunicación das entidades e eventos culturais conversarán sobre cal é a relación coas fontes neste ámbito. Baixo a moderación de Carme D. Prol, membro do pleno territorial do Colexio de Xornalistas, participarán nesta mesa redonda a periodista e comunicadora cultural Sandra Carnota; Sonia Díaz, comunicadora cultural e docente e titora de comunicación no CEU en xestión e innovación cultural da USC; Alejandro Espiño, xornalista de Pontevedra Viva e Susana Regueira, xornalista de Faro de Vigo.

CPXG