O Colexio de Xornalistas organiza unha mesa redonda en Ourense sobre a información dos lumes forestais
O Liceo de Ourense vai acoller o vindeiro sábado 18 de abril ás 12:00 a mesa redonda Informar desde o lume. Xornalismo e incendios forestais, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galica, na que xornalistas de distintos medios van compartir as súas experiencias e opinións arredor da cobertura informativa dos lumes.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza o sábado 18 de abril en Ourense unha mesa redonda para reflexionar sobre os desafíos da información sobre incendios, que vai ter como título Informar desde o lume. Xornalismo e incendios forestais. No acto, que se desenvolverá a partir das 12:00 horas no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carbajal, 5), van participar Miguel Cao, xornalista de La Región; Uxía Carrera, xornalista de La Voz de Galicia; Carlos García Hervella, director de O Sil; Juan Maceiras, redactor xefe de Cope Ourense e o fotoxornalista de La Voz de Galicia Santi M. Amil; todos eles con ampla experiencia no tratamento informativo dos lumes forestais. Moderará o debate Jorge Isla, representante da demarcación de Ourense no Pleno Territorial do Colexio.
A cobertura dos incendios forestais é unha das situacións máis delicadas e difíciles que se producen habitualmente no xornalismo da nosa contorna. Ás dificultades para transmitir a información de forma rápida e exacta e á obriga de exercer unha cobertura responsábel, que respecte as vítimas e non contribúa á especulación e o caos súmase tamén a necesidade de protexer a seguridade das e dos profesionais fronte ao lume. Antes de que se comece a temporada de maior risco de incendios forestais, o Colexio de Xornalistas organiza esta xornada na que se pretende compartir experiencias sobre a cobertura informativa dos incendios, reparar nos desafíos e perigos que supoñen os lumes de sexta xeración e analizar o tratamento dos lumes tanto no momento da emerxencia como nas análises máis demoradas. A asistencia ao acto, que se desenvolverá no Salón Noble do Liceo de Ourense, é libre e gratuíta.
CPXG