O Colexio de Xornalistas organiza unha xornada sobre o tratamento informativo do Prestige

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza a mesa redonda O tratamento informativo do Prestige vinte anos despois, na que destacados xornalistas que informaron daquela catástrofe da historia recente de Galicia debaterán sobre as circunstancias en que se realizou a súa cobertura. O acto terá lugar o vindeiro luns 14 de novembro ás 19:00 horas, no Centro Internacional de Prensa de Galicia en Santiago de Compostela (Rúa Nova, 9). 

Con motivo do vixésimo aniversario do afundimento do Prestige, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza o luns 14 de novembro, con comezo ás 19:00 horas, o debate O tratamento informativo do Prestige vinte anos despois. Na mesa redonda, que se celebrará no Centro Internacional de Prensa de Galicia, participarán algúns dos principais comunicadores que informaron sobre aquel acontecemento desde os medios galegos: Rocío Castro, directora naquela altura do xornal dixital Vieiros; Pablo González, xornalista que cubriu a catástrofe desde La Voz de Galicia; Selina Otero, xornalista encargada da cobertura para La Opinión da Coruña; Aida Pena, directora de informativos e contidos de Radio Galicia-Cadena Ser; e Xosé Manuel Pereiro, actual vicedecano do CPXG e xornalista de TVE en Galicia e colaborador de El País no momento no que se afundiu o Prestige. O acto vai estar moderado por Ana González Liste, membro da Xunta de Goberno do CPXG e xornalista en Praza.gal.

Ademais dun dos acontecementos máis relevantes a nivel ambiental, político e social da historia galega do século XXI, o afundimento do Prestige significou tamén un dos maiores desafíos para o desenvolvemento da profesión na nosa comunidade. Desde os atrancos para informar e a opacidade da información oficial, que chegou mesmo a negar a realidade que vían e experimentaban os xornalistas desprazados á costa, até a autoorganización dos profesionais da comunicación e a rebeldía da sociedade galega, que alzou a voz para reclamar o seu dereito a unha información xusta e veraz, foron moitos os aspectos que converteron aquel momento nun punto de inflexión para o devir do ecosistema mediático galego. De todos eles tratarán os e as comunicadoras participantes na xornada, nun debate que estará tamén aberto á participación do público asistente, para entre todos contribuírmos á reflexión sobre a profesión, identificando as súas eivas e os seus acertos, e construíndo así mellor o seu futuro.  

A asistencia ao debate é libre e gratuíta e está aberta ao público xeral. Por cuestións de organización e capacidade da sala, recoméndase ás persoas interesadas inscribirse en xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 93 56 70, de cara a asegurar a súa presenza no acto. 

CPXG