O Colexio de Xornalistas reclama reformas fondas no proxecto de lei de medios públicos que garantan a independencia da CRTVG

Perante a tramitación parlamentaria do Proxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia alerta de que o texto presentado non introduce ningunha das modificacións solicitadas desde a profesión e insta aos grupos politicos a introducir mudanzas fondas que garantan a independencia dos medios e o dereito á información da cidadanía.

O Parlamento de Galicia admitiu a trámite o mércores 11 de decembro o Proxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, enviado polo Consello de Goberno da Xunta de Galicia para o seu debate na cámara. O texto é unha actualización do anteproxecto de lei sobre os medios públicos galegos presentado no pasado mes de xullo, logo do período de consulta pública. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que xa manifestou naquel momento a súa oposición a un anteproxecto de lei que busca aumentar o control sobre os medios públicos, lembra que participou do proceso de consulta pública trasladando as súas achegas sobre a proposta lexislativa e reuníndose ademais cos tres principais grupos parlamentarios para facerlles chegar as súas consideracións.

Lamentabelmente, as consideracións achegadas tanto por este Colexio Profesional como por outras moitas voces da profesión que manifestaron o seu rexeitamento ao anteproxecto caeron en saco roto. O texto do proxecto de lei que coñecemos agora non introduce ningunha modificación nos aspectos esenciais sinalados polo Colexio de Xornalistas, nin nos relativos á independencia do poder político, nin na designación da dirección xeral por maioría reforzada nin na posta en marcha do estatuto profesional, o consello de informativos e os órganos de control externo. De feito, a única mudanza que atinxe explicitamente ao xornalismo, que debera ser un dos puntos centrais da norma, é a introdución dun representante "das organizacións profesionais do sector audiovisual e da comunicación" dentro da composición do futuro Consello Asesor de Participación Social e Profesional prevista no artigo 41. Como xa manifestamos, este consello está deseñado de maneira que non pode considerarse nin un órgano de participación das persoas profesionais da Corporación nin un avaliador externo, polo que pouco pode consolarnos unha maior participación das e dos xornalistas dentro do mesmo. 

Por todo isto, e coincidindo coa tramitación parlamentaria do proxecto de lei, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai un novo chamamento urxente a todos os grupos políticos para que introduzan modificacións de gran calado no seu articulado, que eliminen todos os aspectos que buscan aumentar a inxerencia política nos medios públicos, substituíndoos por outros que garantan os avances en cuestión de independencia dos mesmos que, se ben non foran implementados na súa maioría, estaban presentes na Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. Estas modificacións, imprescindíbeis para o dereito da información da sociedade galega, son ademais necesarias para cumprir co espírito e o texto do Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación, que alerta explicitamente contra "o control gobernamental dos medios de comunicación de servizo público, tamén no que respecta ao nomeamento das persoas que exerzan a dirección do consello de administración dos medios de comunicación de servizo público, ou dos membros deste".

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia