O Colexio de Xornalistas recolle o VI Premio Luísa Villalta
O VI Premio Luísa Villalta concedido ao Colexio de Xornalistas pola Deputación da Coruña foi recollido esta mañá por Eliana Martíns, coordinadora do proxecto galardoado As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada. Martíns definiu a iniciativa como "un diálogo entre o pasado e o presente" que une o legado das pioneiras do xornalismo galego con entrevistas a referentes actuais, e defendeu a reflexión sobre a profesión como unha garantía democrática.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recibiu está mañá o VI Premio Luísa Villalta, convocado pola Deputación da Coruña, polo seu proxecto As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada. Eliana Martíns, tesoureira do Colexio e coordinadora do proxecto, recolleu o galardón nun acto celebrado no local Light&Studio da Coruña. Na cerimonia tamén estivo presente a vicedecana primeira, Sonia Vizoso. A iniciativa do Colexio de Xornalistas é unha publicación que quere pór en valor a contribución das xornalistas mulleres da nosa comunidade, xuntando o legado das pioneiras con entrevistas a referentes actuais.
Soledad Agra, deputada en materia de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, destacou o labor "imprescindible" do Colexio de Xornalistas non só na promoción da perspectiva de xénero nos medios senon tamén na loita contra desinformación. "Por unha prensa libre de censuras", proclamou Agra ao facer entrega da obra 'Isto' de Xurxo Gómez-Chao, creada especificamente para unha homenaxe a Luísa Villalta en 2017 e que acompaña o galardón.
Eliana Martíns salientou no discurso de agradecemento que este proxecto vai "nunha liña distinta" do feito até agora, porque "se ben a igualdade sempre foi un alicerce do traballo do Colexio, sempre tivemos en conta o que era máis urxente, que era a muller como suxeito informativo". Nesta ocasión, asegurou, "pensamos en mirar para dentro, para a propia profesión", a través dunha publicación pensada "como un diálogo entre o pasado e o presente" das mulleres que marcaron a historia do xornalismo en Galicia. O traballo do Colexio, afirmou Martíns "non é simplemente unha revisión cara a nós mesmas, senón que revisar como se exerce o xornalismo é revisar a calidade democrática e garantir o exercicio de dereitos como o da igualdade".
Na cerimonia recibiron temén o premio Premio Luísa Villalta os proxectos O próximo baile, será comigo, de Sabela Losada Cortizas; Ofuscadas polo vicio da razón, de Yarama África; Non calarás, da Asociación Cultural Alexandre Bóveda; Altas luces, de Illa Bufarda; A historia vaxenial, de Artyc Content; Punto en boca. Costura e teatro, de Raquel García Crespo e A clase, de Mala Herba Producións.
As mulleres no xornalismo galego
As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada será un libro que reúna o legado das pioneiras do xornalismo galego, investigando e reivindicando as súas biografías, con entrevistas a referentes femininos da nosa profesión na actualidade. O obxectivo é o de rescatar, visibilizar e valorar o papel das xornalistas, ademais de inspirar ás novas xeracións con referentes mulleres. O volume compleméntase co uso de novas metodoloxías que queren ampliar o seu impacto social, como o acceso, a través dun código QR a contidos dixitais extra ou a produción de entrevistas en formato podcast.
CPXG