O Colexio de Xornalistas rexeita a aprobación dunha lei que elimina os consensos sobre os medios públicos e reduce a liberdade de prensa

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresa o seu rexeitamento á Lei de Servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital que acaba de aprobar o pleno do Parlamento de Galicia, un texto normativo que reduce a liberdade de prensa, desvaloriza o traballo xornalístico, incumpre as directrices europeas e rompe os consensos previos sobre os medios públicos en Galicia.

Como xa manifestou este Colexio desde a presentación do anteproxecto de lei en xullo do ano pasado, esta reforma aumenta a gobernamentalización e o control sobre os medios públicos galegos, ao eliminar varios dos aspectos clave do seu precedente, a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, como a elección por maioría cualificada da dirección xeral, o Estatuto Profesional ou o Consello de Informativos. Ao mesmo tempo, pérdese a oportunidade para blindar o carácter público dos servizos informativos e o uso único do galego, garantir unha estrutura e recursos axeitados ou pór en marcha órganos externos de control con auténtica autonomía e capacidade de avaliar o cumprimento do servizo público.

Ademais, a nova normativa contravén no texto e no espírito o Regulamento sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación aprobado no Parlamento Europeo e de obrigado cumprimento para os estados membros da UE, que alerta explicitamente contra aqueles "casos nos que as reformas lexislativas nos Estados membros aumentaron o control gobernamental dos medios de comunicación de servizo público, tamén no que respecta ao nomeamento das persoas que exerzan a dirección do consello de administración dos medios de comunicación de servizo público, ou dos membros deste". 

Pero aínda peor resulta que todo este proceso se realizara sen a busca do menor consenso. Fronte a lei anterior, que contou co apoio de dous dos grandes partidos galegos, a nova lexislación ten na contra toda a oposición parlamentaria, ademais da profesión xornalística (encabezada polo Colexio de Xornalistas, cuxas propostas sobre o articulado foron ignoradas), o cadro de persoal (que realiza hoxe unha folga contra a reforma, que este Colexio apoia como fixo con anteriores mobilizacións) e outros sectores amplos da sociedade galega. Das preto de 70 emendas presentadas á lei na comisión parlamentaria, só foron aceptadas tres, cualificadas polo mesmo grupo que as presentara como "insubstanciais". O cerne máis preocupante da normativa segue intacto malia toda a contestación que recibiu nos últimos meses. 

O CPXG seguirá reivindicando a necesaria desgobernamentalización da televisión e a radio públicas galegas, que resultan imprescindíbeis para garantir o dereito da cidadanía a estar informada sen inxerencias.   

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia