O Colexio de Xornalistas rexeita os últimos despedimentos no 'Faro de Vigo'
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere manifestar o seu rexeitamento ao despedimento de dous xornalistas de Faro de Vigo e o seu apoio ás protestas do persoal do periódico, que a través do comité de empresa están a convocar "mércores de negro" para condenar a decisión da empresa.
Nas últimas semanas, a dirección de Faro de Vigo decidiu prescindir de dous redactores, con máis de vinte anos de experiencia e probada competencia profesional. Estes despedimentos son un novo golpe a un cadro de persoal que xa se reduciu en 20 persoas en pouco máis dunha década, ademais de sufrir un ERTE durante a pandemia da Covid-19. Se a perda e a precarización das e dos xornalistas xa é preocupante polo que significa de redución da calidade da información, resulta máis grave aínda nun xornal que todo este tempo presentou bos resultados económicos, cun beneficio no último exercicio presentado ás e os traballadores, o de 2023, de 2,5 millóns de euros.
Ante esta situación, o comité de empresa expresou o seu enérxico rexeitamento a estes despedimentos e convocou xuntanzas do persoal para decidir as accións a tomar. Estas, polo momento, están a consistir na convocatoria de "mércores de negro", nos que os traballadores acoden aos seus postos de traballo vestidos desta cor. O pasado 9 de abril realizouse a primeira convocatoria e non se descarta realizar outro tipo de protestas.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia xa ten expresado en numerosas ocasións que os recortes de persoal son un síntoma máis da precarización laboral das e dos xornalistas, que se ven obrigados a realizar un maior volume de información en menos tempo. O resultado desta situación é o menoscabo do dereito á información da cidadanía, así como un aumento do descrédito da profesión. Non é admisíbel que, co simple afán de aumentar uns rendementos económicos xa considerábeis, as empresas mediáticas condenen a profesionais ao desemprego, esquecendo que sen xornalistas non é posíbel o xornalismo nin a información. Por iso, a Xunta de Goberno do CPXG solidarízase co persoal de Faro de Vigo e os xornalistas afectados, así como coas accións de protesta contra estes despedimentos.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia