O Colexio de Xornalistas solicita a Medio Rural mellorar a información sobre os lumes

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia pide á Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia unha mellora na transmisión dos datos sobre os incendios forestais, de cara a facilitar o traballo xornalístico. A colaboración entre a administración e os medios de comunicación para facilitar a información da cidadanía é especialmente importante nun tema tan sensíbel como o dos lumes, que xera unha grande preocupación na cidadanía. 

O Colexio de Xornalistas entende que emerxencias como a extinción de grandes incendios son situacións delicadas onde non sempre resulta sinxelo transmitir a información da maneira máis rápida e exacta. Con todo, a comunicación que está a realizar a Consellaría de Medio Rural afástase do mínimo que sería desexábel á hora de abordar un asunto tan relevante para a nosa sociedade. As notas de prensa con información sobre os lumes consisten principalmente nunha relación de datos sobre os distintos concellos, presentados de maneira fragmentada e inconexa, que na práctica producen opacidade e dificultan un labor informativo que vaia alén da simple transmisión do comunicado institucional.

Referencias como o número de focos activos, as hectáreas totais afectadas, os efectivos que participan no conxunto de extincións ou calquera outro dato contextual ou relacional requiren de cálculos realizados tras extraer os números presentados de maneira dispersa, o que adía e dificulta a realización desta información. O empobrecemento da comunicación á cidadanía que isto provoca pode redundar nunha sensación de falta de transparencia ou nun aumento da inquedanza da poboación, algo que sen dúbida non desexan nin a administración nin os medios de comunicación. Cómpre, pois, a colaboración entre os ámbitos político e xornalístico para asegurármonos de que a cidadanía recibe a mellor información posíbel sobre un tema como o dos lumes. 

Por outra banda, a decisión de non informar sobre os incendios de menos de vinte hectáreas non facilita tampouco o labor xornalístico. Se ben este tipo de lumes son, en principio, menos relevantes informativamente, a opacidade sobre as súas cifras impide coñecer un dato tan importante como o total de hectáreas ardidas nun determinado espazo de tempo. Ademais, no caso de que algún destes lumes aumente até aparecer nas notas informativas, pode producirse unha sensación de alarma innecesaria, ao dar a sensación de que a progresión da superficie afectada no tempo foi maior da real, debido á falta de datos previos que permitan unha comparación.  

Por todo isto, o Colexio de Xornalistas solicita que a información sobre os distintos incendios producidos en Galicia se dea, ademais de a través de comunicados de prensa, mediante formatos de datos abertos e reutilizábeis, inseridos en series históricas completas. Deste xeito, as e os profesionais poderían analizar aqueles aspectos que consideren máis relevantes e realizar as súas informacións de maneira máis sinxela e libre, ademais de potenciar o xornalismo de datos, cada vez máis necesario na nosa sociedade. A cidadanía en xeral podería tamén beneficiarse da libre disposición deste tipo de datos, contribuíndo así ao aumento da transparencia da administración e a combater a desinformación e as alertas inxustificadas.  

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia