O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia condena as ameazas contra XOSÉ MANUEL DEL CAÑO

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), logo de conocer a condena de Alberto Iglesias Nogueira (funcionario da Deputación Provincial de Ourense e avogado) polas ameazas proferidas contra o xornalista Xosé Manuel del Caño González, quere expresar a súa fonda preocupación diante de prácticas e comportamentos intimidatorios, ameazadores e negadores da libertade de expresión. A causa das ameazas, que o CPXG condena enérxicamente, eran as información publicadas polo xornalista en relación coas circunstancias que rodearon a celebración dunhas oposicións convocadas pola Deputación de Ourense.
A Audiencia ratificou a condena de Alberto Iglesias Nogueira, como autor criminalmente responsable dunha falta de ameazas ó pago dunha multa de 15 días a razón de 2000 pesetas por día, con responsabilidade penal subsidiaria dun dia de privación de libertade por cada dous impagos.

Facéndonos eco da sentencia condenatoria-agora ratificada-dictada en primeira instancia pola Maxistrada-Xuiz do Xulgado número 2 de Ourense, nun xuizo de faltas seguido logo das ameazas denunciadas polo xornalista, chamamos a atención sobre a urxente necesidade de erradicar comportamentos coma este.

Polo mesmo, este órgano de representación dos xornalistas galegos pide ós poderes públicos a adopción das medidas precisas que axuden a garantir o traballo dos xornalistas en libertade e a súa función crítica imprescindible nunha sociedade democrática.

A Xunta de Goberno do CPXG expresa a súa total identificación e solidariedade con Xosé Manuel del Caño González, xornalista do diario FARO DE VIGO en Ourense, e aplaude o seu traballo profesional e seu exemplar coraxe cívico defendendo a libertade de expresión en circunstancias tan ameazadoramente adversas.

As actuación xudiciais sobre as que hoxe chamamos a atención da opinión pública, parten duns feitos ocurridos o 8 de Abril do 2000, sobre as 16.30 horas, cando o denunciado, Alberto Iglesias Nogueira, se achegou o denunciante, Xosé Manuel del Caño González, e logo de presentarse, reprochoulle ó xornalista a publicación de informacións sobre "las oposiciones de la Diputación" e ameazouno con que "varias personas terminales de SIDA que el denunciado había sacado de la carcel, se le habían ofrecido para acabar con su vida". Engadiu o denunciado, agora condenado en firme, que "hay portugueses que por cuarenta mil duros matan a una persona", plan que, segundo dixo, pensara executar e que descartou logo de ver o denunciante coas súas duas fillas o pasado Nadal. O fallo recolle tamén como parte das ameazas probadas que o denunciado se dirixiu o xornalista con esta frase: "También hay velas encendidas por la vida de las personas que descubrieron el tema de las oposiciones de la Diputación, si los aprobados tuvieran que dejar su puesto de trabajo".

É función do CPXG velar pola libertade de expresión e polo respeto escrupuloso ó traballo dos xornalistas. Tamén, desde logo, subraiar e condenar este tipo de atentados que merecen, sen dúbida, o calificativo de terroristas.

O CPXG dirixiráse á Presidencia da Deputación de Ourense, ós grupos políticos representados nesa institución e ó Colexio de Avogados de Ourense para transmitirlles esta preocupación e coñecer o seu parecer sobre o comportamento dese letrado e funcionario da Deputación, agora condenado en firme pola Audiencia ourensá.