O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia insta á adopción da perspectiva de xénero nos medios de comunicación públicos

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de dirixirse ao director xeral da Corporación de Radio Televisión de Galicia para expresarlle a necesidade de garantir a perspectiva de xénero nos medios públicos galegos e, así mesmo, para ofrecerlle a súa colaboración neste eido.

En relación ao que aconteceu o pasado 8 de abril na TVG en horario de máxima audiencia, cando o Land Rober Tonight Show (un espazo de entretemento) tratou de reunir unha muller coa súa exparella contra a súa vontade, a Xunta de Goberno do Colexio entende que evidencia unha falta absoluta desa necesaria perspectiva de xénero na elaboración dos contidos do programa. No seu nome, o decano do CPXG remitiu unha carta ao director xeral da CRTVG para deixar constancia da súa preocupación e do seu fondo rexeitamento polo sucedido: “Esta Xunta de Goberno ve inadmisible que a televisión pública galega perpetúe o machismo e unha visión patriarcal da sociedade responsable dun dos maiores conflitos sociais vixente: a violencia machista”.

O papel dos medios de comunicación é esencial para desterrar na sociedade ideas que sustenten ou banalicen a violencia machista. No caso da CRTVG, ese papel ten aínda máis relevancia pola súa condición de medios públicos, e así vén determinado na propia Lei 9/2011, de Medios Públicos Audiovisuais de Galicia, nos Estatutos da Corporación, nos Criterios reitores da dirección editorial aprobados en 2018 –“a CRTVG será especialmente combativa contra a violencia machista” –, e no Mandato marco que obriga ao conxunto de producións e emisións a realizar unha “promoción activa da igualdade entre homes e mulleres, que inclúe a igualdade de trato e de oportunidades, o respecto á diversidade e á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista”.

Dezaseis anos despois da sinatura da Declaración de Compostela e malia os avances neste ámbito, a carencia da perspectiva de xénero é aínda maioritaria nos medios e faise urxente a necesidade dunha actuación decidida para mudar a situación. A formación é clave. Nese ámbito, o CPXG traballa na actualidade no deseño dun programa formativo dirixido a xornalistas en materia de violencia de xénero. Esta acción materializarase nun acordo de colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade, departamento que tamén se comprometeu a cooperar para a creación, en todas as empresas de comunicación, dunha figura que traballe as cuestións de xénero desde dentro das organizacións. Á espera de ser convocado para a formalización dese acordo, o Colexio insiste na necesidade de que empresas e profesionais reafirmen o seu compromiso coa non difusión do machismo nos medios.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia