O Concello de Ordes rexeita modificar a RPT alegando que non atribúe funcións xornalísticas ao posto de informático

O Concello de Ordes denegou a petición do Colexio de Xornalistas de modificar a RPT para evitar atribuír ao posto de informático funcións informativas, considerando que estas se refiren á "información que debe ser obxecto de tratamento de forma automática". O CPXG vixiará que efectivamente non se produza intrusismo nas labores desenvolvidas por este posto. 

O pasado mes de agosto, o Concello de Ordes respondeu á petición realizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) para que a relación dos postos de traballo (RPT) do municipio non atribúa funcións informativas ao posto de informático. Na resolución do Concello, apélase aos distintos significados da palabra "información", considerando que "as funcións de tratamento, a elaboración e a difusión de información" deben entenderse como "a información que debe ser obxecto de tratamento de forma automática". Por todo isto, conclúe que "dunha lectura da ficha descritiva do posto de informático non pode concluírse que este teña atribuído o tratamento, a elaboración e a difusión de información periodística e por tanto impida que o profesional da comunicación contratado neste concello para tratamento, a elaboración e a difusión de información periodística desenvolva as funcións que lle son propias".

O Colexio de Xornalistas, en cumprimento do obxectivo de defensa da profesión que marcan os seus estatutos, velará por que os labores desenvolvidos pola persoa que ocupe o posto de informático estabelecido na devandita RPT do Concello de Ordes non incurra en intrusismo con respecto aos labores xornalísticos. Como xa ten manifestado en numerosas ocasións, só titulación en comunicación ou xornalismo ou a colexiación no CPXG acreditan a capacidade para desenvolver labores informativos e de comunicación.

CPXG