O CPI San Vicente da Baña acolle un obradoiro de alfabetización mediática
A xornalista Elena Martín Lores foi a encargada de levar a alfabetización mediática á Baña co obradoiro contra a desinformación impartido na tarde deste mércores no CPI San Vicente. Estes obradoiros están a levar ferramentas e coñecementos contra as noticias falsas a unha decena de centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís.
A nova edición dos obradoiros contra a desinformación postos en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en centros de ensino da Coruña grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, visitou hoxe o CPI San Vicente da Baña . O alumnado de 2º da ESO puido desfrutar dun taller, ás 16:15, impartido por Elena Martín Lores. O alumnado da comarca da Barcala puido acceder así a ferramentas para detectar mellor a desinformación e poder contribuír a loita contra as noticias falsas, denunciándoas e combatendo o seu espallamento.
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora, Martín Lores forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine. Como todas e todos os formadores, recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
Obradoiros contra a desinformación
O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática. O obxectivo é fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. No caso das e dos escolares de secundaria, a través de xogos, historias e exemplos próximos a eles, poden coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers.
Esta nova etapa dos obradoiros na Coruña vén a complementar os realizados no ano 2025, que levaron o programa de alfabetización mediática do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ao alumnado de Arzúa, Brión, Carral, Curtis, Melide, Oroso, Padrón, Santa Comba e Zas. Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Carmen Quintela Babío, María Selina Otero Verdes, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González.
CPXG