O CPXG, a través do Observatorio dos Medios, condena a instrumentalización partidaria do Consello de administración da CRTVG

Coa elección dos conselleiros que han supervisar durante os próximos catro anos a actuación da CRTVG e todo o relacionado co funcionamento dos medios públicos –TVG e Radio Galega-, os tres grupos parlamentares volveron infrinxir a normativa en vigor. Máis unha vez, como veu sucedendo desde 1985 até hoxe, optaron por cubrir maioritariamente os postos dese órgano de control social con persoas que responden na súa maior parte a un perfil estrictamente partidario. O Consello de Administración volve ser un calco da comisión parlamentar que ten por obxectivo a vixilancia política dos medios públicos. Para nada foron escollidos en representación da sociedade e dos seus intereses xerais, como está estipulado.
O Observatorio Galego dos Medios (OM), entidade vinculada ó Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), quere facer fincapé desa distorsión da legalidade, que ten ademais un agravante: unha parte dos elixidos para o Consello de Administración dos medios públicos desenvolve funcións orgánicas nos seus respectivos partidos políticos. Ao descoñecemento do rol que xogan os medios nun mundo cada vez máis complexo, así como dos criterios a establecer para que os medios públicos de Galicia se revaloricen a sí mesmos por responder ás esixencias dun "servizo público esencial", contribuíndo desa maneira a crear espazos deliberativos para afianzar unha sólida opinión pública e unha sociedade civil participativa, únese a súa incapacidade para actuaren con imparcialidade nese órgano de control social, no que serán á vez xuíces e parte.

É especialmente preocupante que sexan as dúas organizacións que conforman o Goberno progresista e galeguista as que, en vez de refrendar na práctica política o seu compromiso de democratización dos medios de comunicación públicos, desaproveiten de maneira tan flagrante as súas primeiras decisións ao respecto: a que levou á muda do seu equipo directivo –repartíndose partidariamente os medios e os seus respectivos servizos informativos-, valoración crítica que facemos á marxe de cales sexan as persoas que o integran, e esta que reproduce un Consello de Administración á medida dos intereses orgánicos de ambas as dúas forzas políticas.

O Observatorio dos Medios do CPXG tenta dar a voz de alarma sobre o que todo empeza por reproducir a estrutura de control e o modelo de funcionamento que viñemos criticando con dureza durante a longa etapa fraguista. Iso fixera que o Goberno conservador tildara ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia de actuar movido por "ocultos intereses" políticos. Non era así. O CPXG actuou e actúa de acordo cos principios e obxectivos polos que fora creado por unha lei do Parlamento.

En base a esa responsabilidade pública, antes das pasadas eleccións fixéraselles chegar aos tres grupos parlamentares e ás súas respectivas organizacións partidarias unha proposta de reforma dos medios públicos, coa intención de contribuir a unha toma de conciencia política sobre a necesidade de desgubernamentalizalos, democratizalos e profesionalizalos de arriba a abaixo. Tanto o PSdG como o BNG levaron aos seus respectivos programas ese compromiso, e anunciaron publicamente a aprobación dunha nova lei para a CRTVG. Queremos seguir confiando en que ese proxecto de lei, que debería ter un amplo consenso político e tamén social, entre no Parlamento nun prazo de tempo razoable, que en maneira algunha debera pasar de doce meses, tal e como o propio bipartito asegurou a través de diferentes portavoces.

Con todo, esa futura lei non pode ser aceptada como escusa do que se vén de producir coa elección dos doce representantes políticos –que non sociais- no Consello de Administración da CRTVG. Se é real ese compromiso democratizador, debera empezar por ter xa a súa primeira constatación tanto na reestruturación da TVG e da Radio Galega como na nova composición do seu Consello de Administración.

O cambio nas políticas de comunicación segue a ser polo de agora unha asignatura pendente.