O CPXG abre a todas as colexiadas e colexiados dous cursos de formación sobre violencias machistas
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia disponibiliza de maneira gratuíta os webinars "De Ana Orantes a Diana Quer e mentres tanto A manada" e "Golosinas visuais: a violencia simbólica no marco da biopolítica", impartidos por María Isabel Menéndez, para contribuír ao correcto tratamento das informacións sobre violencias machistas. As colexiadas e colexiados poden acceder aos cursos entrando coas súas claves na plataforma de formación online.
Ante a cobertura dalgúns feitos relacionados con violencias machistas na nosa contorna, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar a súa preocupación porque nalgunhas destas informacións se estean a producir prácticas que só contribúen á revitimización e á perpetuación deste tipo de agresións. É preciso facer un chamamento á reflexión e a volver aplicar os consensos existentes desde a Declaración de Compostela para o tratamento este tipo de noticias. O Colexio de Xornalistas xa ten a disposición das e dos profesionais numerosas ferramentas sobre como enfocar informativamente as violencias de xénero, polo que non hai excusas para que os medios incumpran o papel que teñen que ter na loita contra a ideoloxía patriarcal e as violacións dos dereitos humanos que promove.
Con todo, sempre é posíbel e necesario seguir avanzando na formación sobre o que significan as distintas violencias contra as mulleres e cal é a contribución que se pode facer desde o xornalismo á súa erradicación. Por esta razón, e para favorecer á desaparición de tratamentos inadecuados e eivas nas informacións, o Colexio de Xornalistas quere facer dispoñíbel a partir de hoxe, de maneira gratuíta para todas as colexiadas e colexiados, os dous webinares que sobre esta temática están accesíbeis na súa plataforma de formación online. Trátase, en concreto, dos cursos "De Ana Orantes a Diana Quer e mentres tanto A manada", sobre o tratamento da violencia sexual na prensa, e "Golosinas visuais: a violencia simbólica no marco da biopolítica", sobre a violencia simbólica contra as mulleres. Ambos os dous están impartidos por María Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidad de Burgos, cunha carreira investigadora centrada na análise feminista das industrias culturais e o tratamento informativo da violencia machista e simbólica. Para acceder aos webinars, é preciso acceder á parte privada de xornalistas.gal co nome de usuaria ou usuario e contrasinal. Se aínda non dispós das claves, podes solicitalas no enderezo xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.
O Colexio de Xornalistas chama ao conxunto de colexiadas e colexiados a consultaren estes cursos e as distintas recomendacións sobre o tratamento das violencias machistas, así como a aplicaren sempre as boas prácticas nestas coberturas. Ademais, para favorecer a formación continuada nesta materia, o Colexio traballa, xunto á Consellería de Política Social de Igualdade da Xunta de Galicia, para levar este ano obradoiros especializados no tratamento da violencia de xénero ao seo das redaccións galegas. O xornalismo pode contribuír fortemente á erradicación dos atentados contra a liberdade e a dignidade das persoas que son as distintas violencias machistas, e é a nosa responsabilidade, como profesionais, ter un papel activo nese sentido.
CPXG