O CPXG apela a un xornalismo responsábel para previr os suicidios

Hoxe, 10 de setembro, celébrase en todo o mundo o Día Mundial para a Prevención del Suicidio, unha data estabelecida en 2003 pola Asociación Internacional para a Prevención do Suicidio, en colaboración coa Organización Mundial da Saúde. Este ano, convócase baixo o lema “Crear esperanza a través da acción”, que reflicte a necesidade da acción colectiva para abordar este urxente problema de saúde pública. Fronte a antigas teorías superadas que avogaban polo silenciamento nos medios, as e os xornalistas temos que formar parte desa acción colectiva, e cómpre falarmos do suicidio de maneira responsábel, ofrecendo información sobre a súa prevención, as saídas dispoñíbeis e a atención ás persoas afectadas. Para isto, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar as ferramentas disponíbeis para unha correcta información das condutas suicidas.

En 2017, o CPXG e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia colaboraron para redactar as Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano InformaDor, que inclúen unha Guía práctica para o tratamento informativo dos suicidios con directrices para informar de maneira responsábel sobre este grave problema de saúde pública, así como fontes galegas especializadas e outra información de interese. Entre as recomendacións podemos salientar algunhas como tratar estas noticias como un tema de saúde, enfocar o suicidio como un fenómeno multifactorial, empregar sempre fontes fiábeis e expertas, non cubrir os acontecementos dun xeito sensacionalista ou morboso ou non describir con detalle os métodos empregados.

Asímesmo, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas foi unha das entidades colaboradoras co Ministerio de Sanidade na realización do Decálogo de recomendacións para os e as profesionais dos medios de comunicación ao informar sobre o suicidio que se publicou o pasado ano. Esta guía afonda nos mesmos aspectos sobre o tratamento informativo dos suicidios, facendo fincapé en cuestións como coidar a linguaxe, fuxir do sensacionalismo, evitar os detalles, non simplificar unha realidade complexa, desmentir falsas creencias ou informar sempre cun enfoque positivo. 

A isto cómpre engadir que a información sobre suicidios ten que respectar, como todo o traballo xornalístico, os mandatos do Código Deontolóxico do Xornalismo Galego, que obrigan ao conxunto de profesionais a difundir unicamente informacións fundamentadas, utilizar métodos dignos para obter información ou respectar o dereito das persoas á súa propia intimidade e imaxe. E tamén que o Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, presentado en 2017, recolle varias medidas dirixidas aos medios e profesionais da comunicación que aínda non foron desenvolvidas, como a a edición dunha guía de estilo sobre conduta suicida para medios de comunicación, obradoiros para xornalistas ou a elaboración de protocolos e instrumentos de coordinación dos medios co sistema sanitario, o ámbito educativo, o ámbito social, a administración de xustiza e as forzas e corpos de seguridade. 

O suicidio é unha das principais causas de morte en todo o mundo, e a primeira por motivos non naturais en España. Galicia continúa a ser a segunda autonomía cunha maior taxa de suicidios por habitante, despois de Asturias, e os últimos datos do Imelga, correspondentes ao 2020, contabilizan 307 mortes por esta causa na nosa comunidade, un dato algo menor aos números do ano anterior, máis aínda por riba da barreira dos trescentos falecementos, que só non se superou no 2018. Medios de comunicación e xornalistas temos a obriga de sumarnos á prevención das condutas suicidas, ofrecendo información axeitada, combatendo mitos ou sensibilizando sobre este grave problema de saúde pública. A nosa contribución, como lembra este Día Mundial para a Prevención del Suicidio, pode axudar a salvar vidas. 

CPXG