O CPXG apoia á familia de José Couso na súa loita contra a impunidade

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) apoia a protesta da familia de José Couso, asasinado en Bagdad por militares norteamericanos, contra a reforma promovida polo Goberno para rematar coa competencia dos tribunais españois para investigar crimes contra a humanidade cometidos no estranxeiro.
O CPXG considera, ao igual que os familiares do cámara galego, que coutar a xustiza universal é asegurar a impunidade dos que asasinan cidadáns españois fóra das nosas fronteiras. Tamén sinala que os xornalistas son testemuñas incómodas en calquera conflito, e medidas como esta supoñen retirarlles unha das poucas proteccións que tiñan, a de agardar que algún día os culpables da súa morte serán xulgados, fosen quen fosen. A familia Couso leva agardando once anos a que os presuntos culpables, perfectamente identificados, sexan postos diante dun tribunal, pese aos atrancos de institucións que deberían defender os intereses dos cidadáns españois, como o Goberno ou a Fiscalía Xeral.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia