O CPXG busca apoios nos concellos ao Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, subscrito pola Fegamp
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia comezou esta semana a enviar aos distintos concellos galegos solicitudes para que se adhiran ao Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, o acordo impulsado polos colexios profesionais de xornalistas en defensa da contratación de xornalistas para os labores informativos nas administracións. O acordo foi subscrito recentemente pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
O decano Francisco X. González Sarria, en nome da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, pediu esta semana aos gobernos das nove cidades galegas máis poboadas (Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ferrol, Narón e Vilagarcía de Arousa) a súa adhesión ao Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística. Solicítase tamén que o texto do documento sexa facilitado a todos os grupos políticos, a fin de dar a coñecer o seu contido e facilitar o apoio político ao compromiso.
Nos vindeiros días trasladarase de maneira progresiva o texto do documento a outros gobernos municipais, até dar a coñecer o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística en todos os concellos galegos e tentar que todas as administracións locais dean o seu apoio á contratación de xornalistas para os labores de comunicación.
O Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, impulsado polos colexios profesionais de xornalistas, pon en valor o papel dos profesionais da comunicación e reclama a creación de postos de estrutura definidos claramente para a comunicación social e institucional, que sexa necesario ter o título universitario correspondente para realizar estas funcións e que as administracións apliquen estes mesmos criterios no caso de externalizacións. O acordo foi subscrito recentemente pola Federación Galega de Municipios e Provincias, e tamén se solicitou o apoio da Delegación do Goberno e a Secretaría Xeral de Medios.
CPXG