O CPXG chama a secundar as mobilizacións contra a reforma dos medios públicos que se debate este martes no Parlamento Galego
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia apoia a folga de 24 horas convocada na CRTVG, coincidindo co debate parlamentario do proxecto de reforma dos medios públicos, e chama a secundar as mobilizacións previstas. Como xa manifestamos en varias ocasións, o texto do proxecto de lei que chega ao Pazo do Hórreo é extremadamente lesivo para a liberdade de información ao aumentar o control sobre os medios e desprezar a profesión xornalística.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere manifestar o seu apoio á xornada de folga convocada este martes 28 polo Comité Intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, coincidindo co debate no Parlamento Galego do Proxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital. Así mesmo, chama á profesión a secundar as distintas convocatorias contra a aprobación deste texto, comezando pola concentración convocada ás 9:30 deste martes fronte ao Pazo do Hórreo.
O Colexio de Xornalistas xa manifestou en xullo do ano pasado a súa oposición frontal a esta reforma que busca aumentar o control sobre os medios públicos, eliminando conquistas da actual lei como a elección por maioría cualificada da dirección xeral, o Estatuto Profesional ou o Consello de Informativos. Desde aquela, participou do proceso de consulta pública trasladando as súas achegas sobre a proposta lexislativa, que foron completamente ignoradas, reuniuse cos tres principais partidos políticos para facerlles chegar as súas consideracións, e reclamou aos distintos grupos que emenden o texto chegado ao Parlamento con modificacións fondas no articulado para salvagardar os medios públicos galegos.
O debate que se vai producir no Parlamento este martes non é unha cuestión menor. A independencia dos medios e a profesionalización da información son elementos imprescindíbeis para unha sociedade democrática, e o seu deterioro é aínda máis grave, se iso for posíbel, cando se dá nuns medios públicos que son propiedade de toda a cidadanía. O Colexio de Xornalistas considera que calquera reforma que se realice da radio e televisións galegas debe contemplar o reforzamento do seu carácter público, a garantía da estrutura e recursos necesarios para as súas funcións, a salvagarda do servizo público, a promoción activa da igualdade, garantías de independencia editorial, a creación dun estatuto profesional e do Consello de Informativos, a posta en marcha de órganos de control externo e a implantación de medidas para garantir a estabilidade do cadro de persoal. Ademais de cumprir co Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación, que alerta explicitamente contra "o control gobernamental dos medios de comunicación de servizo público, tamén no que respecta ao nomeamento das persoas que exerzan a dirección do consello de administración dos medios de comunicación de servizo público, ou dos membros deste".
Por todo iso, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia secunda as mobilizacións convocadas, e as que se realicen no futuro, contra un proxecto de reforma dos medios públicos galegos especialmente lesivo contra a nosa comunidade.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia