O CPXG convoca o XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia abre a convocatoria da XXI edición do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, que recoñece o traballo dunha persoa ou organización destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha traxectoria profesional destacable libre e independente. Pódense presentar candidaturas ao galardón desde hoxe ata o xoves 6 de marzo ás 14:00 horas.
O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa recolle o legado do Premio José Couso, organizado polo Colexio de Xornalistas e Club de Prensa de Ferrol, logo de que no 2024 a familia Couso Permuy solicitara que se retirase o nome do camarógrafo ferrolán do galardón. O certame comeza unha nova etapa baixo o mesmo espírito inicial: premiar unha persoa ou organización que destaque pola defensa da liberdade de prensa ou sexa, ou fora, perseguida polo exercicio do xornalismo e por protexer o dereito a informar e a recibir información. O galardón seguirá constituíndo unha distinción do xornalismo galego a periodistas de calquera orixe cuxo compromiso merece o recoñecemento profesional e social.
Calquera membro do CPXG pode entregar unha proposta argumentada de candidato ou candidata para o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa. Igualmente, calquera organización vinculada de forma demostrable ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa proposta. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase a través do correo electrónico premioxornalistas@xornalistas.gal.
Ata as 14:00 horas do 6 de marzo poderanse presentar as propostas, que se van anunciar como definitivas o xoves 13 de marzo. Entre ese día e as 14:00 horas do xoves 10 de abril, o xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, poderá votar as candidaturas a través da web do premio. Este proceso será recollido en acta polo secretario do premio, avalado por unha notaría e darase a coñecer publicamente. O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa non implica ningunha contía económica.
As gañadoras e gañadores das edicións anteriores foron Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi (2024), Marcos Méndez (2023), Érika Reija (2022), Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), José Vidal-Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, e conta con 1.100 colexiadas e colexiados repartidos entre as súas sete demarcacións.
CPXG