O CPXG desaproba a eliminación das convocatorias de prensa en Ourense e defende o labor mediador do xornalismo
Fronte á decisión de Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, de eliminar as conferencias de prensa, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembra que as preguntas das e dos xornalistas son o que fiscaliza a comunicación dos cargos políticos para que o que chegue á cidadanía sexa información e non propaganda.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia rexeita con rotundidade o anuncio realizado polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, de que xa non vai convocar a prensa para informar da actividade do Concello. O rexedor ourensán publicou este domingo unha mensaxe na rede social X na que afirmaba que "Debido á manipulación mediática, vou substituír as conferencias de prensa por roldas informativas, directas ao cidadán. A verdade non precisa intermediarios". Este martes 3 de decembro realizaba a primeira destas "roldas informativas", a través da conta de Youtube da televisión privada da súa propiedade.
Como noutros exemplos de linguaxe populista, Pérez Jácome retorce con estas palabras a linguaxe para acusar os medios de comunicación daquilo ao que realmente abre a porta coa súa decisión. O papel dos e das xornalistas nas conferencias de prensa é precisamente o de exercer unha fiscalización imprescindíbel sobre as afirmacións políticas, para evitar a manipulación que favorecen as mensaxes unidireccionais. Impedir o traballo dos medios non só vai contra as obrigas de transparencia e respecto ao dereito á información que ten calquera cargo público, senón que representa ademais un grave perigo para a democracia.
Lamentabelmente, cómpre lembrar tamén que o do alcalde ourensán, xa coñecido polos seus reiterados ataques á profesión, non é un caso único. Sen a inventiva de cualificalo como "roldas informativas", moitos cargos políticos convocan cada vez máis conferencias de prensa nas que non se admiten preguntas, o que na práctica é o mesmo que impedir a presenza dos medios de comunicación. E para loitar contra as loiadas e noticias falsas que marcan cada día máis a nosa actualidade política, non existe remedio máis efectivo que as preguntas dos e das xornalistas. Sen o seu labor mediador, as declaracións políticas son só propaganda.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia