O CPXG disponibiliza a gravación da xornada 'O impacto da intelixencia artificial no xornalismo'

Un momento da xornada 'O impacto da IA no xornalismo'

A xornada O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, analizou o pasado 7 de abril na Facultade de Ciencias de Comunicación da USC o uso da IA na profesión. O encontro contou co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e a colaboración da Facultade e do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia. Se non puideches asistir ou queres recuperar o contido das ponencias, podes acceder á gravación completa das mesmas nesta nova e na nosa canle de Youtube

O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades reuniu o luns 7 de abril en Santiago a distintos expertos e expertas que coincidiron en defender a necesidade de compaxinar a inevitábel incorporación da intelixencia artificial na profesión coa deontoloxía e o xornalismo humano. A xornada comezou coa presentación oficial a cargo de Belén Regueira Leal, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Ana Isabel Vázquez Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias de Comunicación da USC e Roberto Vieito Raña, vicesecretario do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

A continuación, Verónica Bolón, investigadora en intelixencia artificial e profesora na Universidade da Coruña, e Alba Meijide, consultora independiente de IA, mantiveron un debate co título 'O momento IA: como chegamos aquí e cara onde imos', baixo a moderación de Vieito Raña. Bolón realizou un panorama da historia da intelixencia artificial, mentres que Meijide dedicou a súa intervención a combater algúns dos mitos sobre o funcionamento da IA.

Patrícia Ventura, doutora en medios, comunicación e cultura e integrante do Comité Asesor en IA responsábel da Corporació Catalana de MItjans Audiovisuals, impartiu a primeira das conferencias: 'IA e periodismo: principios éticos para unha adopción responsable'. Ventura estivo presentada por Manuel Rey, responsábel de comunicación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías e membro da Xunta de Goberno do CPXG.

 

Tras unha breve pausa, a mesa redonda 'O xornalismo ante o reto da intelixencia artificial', xuntou a Alba Chao, xornalista de Faro de Vigo; Marcus Fernández, webmaster de Código Cero; Raúl Romar García, xornalista de La Voz de Galicia; e Xabier Rolán, profesor titular da Universidade de Vigo. O debate estivo moderado por Lucía González, vicepresidenta da Asociación Galega de Márketing (Markea).

 

Ramón Salaverría, catedrático de Xornalismo da Universidade de Navarra, membro da Academia Europæa e director entre 2022 e 2023 do Comité de expertos do Consello de Europa para aumentar a resiliencia dos medios, pechou a xornada coa conferencia 'A IA no xornalismo actual'. A súa intervención estivo presentada por Xosé López García, catedrático de Xornalismo da USC, e ao remate da mesma as decana da Facultade e do CPXG, Ana Isabel Vázquez Rodríguez e Belén Regueira Leal, clausuraron o acto. 

 

CPXG