O CPXG dispoñibiliza as gravacións do ciclo 'A comunicación corporativa: Comunicar con estratexia'
O ciclo A comunicación corporativa: Comunicar con estratexia, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa subvención da Deputación da Coruña e a colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación, reflexionou nas últimas semanas sobre a realidade dun sector cada vez máis importante dentro da nosa profesión. Formado por tres seminarios online e unha xornada presencial, agora podes recuperar o contido nesta nova, na canle de Youtube e na plataforma de formación do Colexio.
O auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu o xoves 20 de novembro a xornada A comunicación corporativa: Comunicar con estratexia, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas coa subvención da Deputación da Coruña e a colaboración da Facultade. A xornada foi presentada por Belén Regueira Leal e Ana Isabel Rodríguez Vázquez, decanas do Colexio de Xornalistas e da Facultade, respectivamente, tras o que se realizou a primeira mesa redonda, "A Comunicación Empresarial desde a perspectiva das axencias", moderada por Lucía González Martínez, vicepresidenta da Asociación Galega de Márketing (Markea) e directora de márketing e Comunicación de PlaceIn, e na que participaron Fátima Carmena Mayorga, directora da Axencia Nasas; Ángela Gómez Caruncho, directora de Galicia de Torres y Carrera; Marta Ferro Morado, directora xeral de Closet Comunicación: e Luisa Rodríguez Arca, directora rexional de Atrevia.
Tras un pequeno descanso, a segunda mesa redonda que analizou "A Comunicación nas empresas", contou con Beatriz Díaz Lorenzo, directora de comunicación e imaxe corporativa do Grupo Zendal; Isaac González Toribio, director de comunicación e relacións institucionais de ABANCA; Consuelo Luces Cores, responsábel de Márketing e Comunicación de Altia; Alba Rodríguez Rodríguez, da área de comunicación e márketing de Daveiga; e Sara Torreiro Rodríguez, responsábel de márketing e RSC da Casa Grande de Xanceda; baixo a moderación de Manuel Rey Pan, membro da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas.
Esta xornada viña a completar a serie de seminarios online realizados as semanas anteriores, que comezaron o martes 11 de novembro con "Estratexias de comunicación dixital", a cargo da xornalista e consultora de comunicación dixital Bárbara G. Vilariño. O seminario estará presentado por Jorge Isla Rodriguez, director de Comunicando Consultoría de Comunicación e membro do Pleno Territorial do Colexio de Xornalistas.
O xoves 13 de novembro foi a vez do seminario "Comunicación corporativa", impartido por Xosé Luis Reza, director de márketing de Iuni Strategic Marketers, e preentado por José Sixto García, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
Finalmente, no ultimo seminario, o luns 17 de setembro, María Isabel Míguez González, directora do departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, ensinou como se fai ""Deseño dun plan de comunicación". Angela Casal Fernández, membro da Xunta de Goberno do Colexio, foi a encargada de introducila.
Os vídeos están dispoñíbeis na canle de YouTube do Colexio de Xornalistas. Ademais, as colexiadas e colexiados teñen dispoñíbeis as gravacións e as presentacións dos seminarios, así como doutros cursos, na plataforma de formación do Colexio, ás que poden acceder coas claves e nome de usuario/a. Se non tes ou perdiches as túas claves, podes solicitalas en xornalistas@xornalistas.gal ou no 981 93 56 70.
CPXG
Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña
