O CPXG e máis de 270 medios e organizacións sumáronse á campaña contra o masacre de xornalistas en Gaza de RSF e Avaaz

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia sumouse este luns 1 de setembro, xunto a máis de 270 medios de comunicación e organizacións de xornalistas e da sociedade civil de todo o mundo, á iniciativa de Reporteiros Sen Fronteiras e Avaaz para visibilizar a denuncia dos ataques selectivos contra xornalistas perpetrados polo exército israelí en Gaza e esixir o acceso sen restricións da prensa internacional ao territorio da Faixa. 

A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas ten denunciado xa en repetidas ocasións a situación crítica que están a vivir as e os informadores en Gaza, e este pasado mes de agosto convocaba unha xornada de apoio ao xornalismo palestino á que se sumaron ducias de profesionais dos medios galegos. O Sindicato de Xornalistas Palestinos, que recibiu este ano o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, contabiliza xa 246 xornalistas asasinados, 520 feridos. 50 detidos e 115 instalacións de medios destruídas desde que Israel comezou a súa ofensiva o 7 de outubro de 2023. A comunidade xornalística internacional ten que seguir a levantar a voz contra un dos maiores atentados contra a nosa profesión na historia. É preciso que se deteñan xa os crimes contra as e os xornalistas, que se permita a entrada da prensa internacional e que se garanta o respecto aos dereitos humanos en Gaza.

Por todo isto, a capa da páxina web do Colexio de Xornalistas e as súas redes sociais mantivéronse o luns en negro para reclamar o fin do masacre que están a sufrir os e as comunicadoras de Gaza. En Galicia sumáronse tamén á campaña distintos medios como El Correo Gallego, El Diario de ArteixoFaro de Vigo, Nós DiarioLa Opinión de A Coruña, Praza PúblicaEl Progreso de Lugo, ademais de medios con delegacións ou xornalistas na nosa comunidade como a Axencia EFE, eldiario.es, El País, Radiotelevisión EspañolaEl Salto ou la Sexta. Tamén se realizaron concentración cun minuto de silencio ás 12:00 en numerosas redaccións.   

En total, Reporteiros Sen Fronteiras recolleu máis de 270 medios de todo o mundo que se sumaron á campaña, aínda que houbo máis adhesións espontáneas que non están recollidas na súa web. Entre eles destacan algúns como Actualité,cd (R.D. do Congo) Agência Pública (Brasil), Canal 48 (Chile), Caracol TV (Colombia), Colatino (O Salvador), Delfino (Costa Rica), Dublin Inquirer (Irlanda), Evening Report (Nova Zelanda), Il Fatto Quotidiano (Italia), Frankfurter Rundschau (Alemaña), Der Freitag (Alemaña), Gabon Actu (Gabón), Grenada Broadcasting Network (Granada),  Himalkhabar (Nepal), L’Humanité (Francia), The Independent (Reino Unido), Iwacu (Burundi), Al Jazeera (Qatar), Lakome (Marrocos), Lusa (Portugal), MalaysiaNow (Malasia), Al Manassa (Exipto), Il Manifesto (Italia), Mediapart (Francia), The National (Escocia), In-Nazzjon (Malta), NRC (Países Baixos), L’Orient le Jour (O Líbano), Página/12 (Arxentina), Photon Media (Hong Kong), The Point (Gambia), Público (Portugal), Reporter Médias Monde (Benin), a RTBF (Bélxica), Skånska Dagbladet (Suecia), Le Soir (Bélxica), Taz (Alemaña), Times of Malta (Malta) La Voix du Centre (Camerún), The Wire (India) ou Revista Zócalo (México). 

CPXG