O CPXG e o COPG presentan as 'Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano'

  • Rocío Lizcano, Rosa María Calaf, José Luis Rodríguez-Arias e Xabier Macias na mesa redonda Información e sufrimento humano
  • Milagros Martínez García, Lorena Nieto Iglesias, Belén Regueira Leal e Mónica Vidal Martínez na presentación das recomendacións
  • Xornada sobre Información e sufrimento humano Informa_Dor

"Se non sabemos manexar ben o xornalismo, pode convertirse nunha ferramenta de descoñecemento, de linguaxe de odio", advertiu hoxe Rosa Maria Calaf sobre os perigos dunha comunicación non responsábel. A comunicadora catalá participou xunto ao psicólogo José Luis Rodríguez-Arias Palomo nunha mesa redonda na Xornada Información e Sufrimento Humano Informa_Dor, organizada polo CPXG e o COPG na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. No marco da xornada presentáronse tamén as Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano redactadas polos dous órganos colexiais.

Xornada Información e Sufrimento Humano Informa_Dor, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acolleu hoxe a presentación das Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano. O documento será enviado ás redaccións de todos os medios de comunicacións galegos.

A xornada foi inaugurada polo decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria, quen reclamou "que o sufrimento non sexa nunca para un xornalista ou editor un artigo para a venda de xornais, minutos de televisión ou clicks nun dixital", e a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, María Rosa Álvarez Prada, quen afirmou que as recomendación eran posíbeis "grazas a un longo traballo dun grupo de ambos colexios" e subliñou a importancia de "acadar un consenso no tratamento deste tipo de temas sensíbeis". 

A continuación, Belén Regueira Leal e Mónica Vidal Martínez, polo CPXG, e Milagros Martínez García e Lorena Nieto Iglesias, polo COPG, presentaron as recomendacións, realizadas polo grupo de traballo conxunto de ambos os dous colexios, que inclúen recomendacións prácticas e información de interese para a abordaxe de noticias sobre Violencia Contra a Muller, Suicidio, Saúde Mental, Menores e Emerxencias, Catástrofes e Persoas desaparecidas e queren constituír unha chamada de atención sobre as eivas detectadas na elaboración de noticias. Os dous órganos colexiais distribuirán este documento polas redaccións dos distintos medios de comunicación galegos, para favorecer o tratamento informativo de todos estes temas sensíbeis.  

A xornada contou tamén coa xornalista Rosa María Calaf, premio José Couso de Liberdade de Prensa 2009, e o psicólogo José Luis Rodríguez-Arias Palomo, que participaron na mesa redonda Información e sufrimento humano, moderada por Xabier Macias Virgós, do COPG, e Rocio Lizcano González, do CPXG.. Rodríguez-Arias Palomo salientou o conflicto ético que se presenta entre o compromiso coa verdade e o respecto á intimidade, ou, máis concretamente, entre este compromiso e os seus efectos. Así, destacou que "a intimidade non é só dun, porque as persoas somos seres sociais", de xeito que "cando se conta o sufrimento dunha vítima, está a contarse a de todas". Calaf defendeu a importancia da formación, da reflexións e dos valores das e dos xornalistas para garantir unha información que teña como misión "protexer e axudar ás vítimas". Un obxectivo que nun momento para a profesión extremadamente precarizado e no que se prima "unha sociedade da emoción por riba dunha sociedade de opinión" é necesario loitar para conseguir, mantendo o compromiso persoal de que "no momento no que estás a facer algo que non se debe facer, entón non estás a facer xornalismo". 

Os dous ponentes destacaron a utilidade neste sentido das Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano, encadradas nas necesidades que destacou a comunicadora catalá para informar de maneira responsábel: formación dos xornalistas, coidado exquisito coa linguaxe e necesidade de xornalistas especializados. Rodríguez-Arias Palomo, pola súa banda, mostrouse esperanzado de que o documento "sexa un principio para que ambos os dous colexios continúen a colaborar.

Esta actividade forma parte do traballo conxunto iniciado hai xa case un ano polo CPXG e o COPG. Ambas as dúas institucións unen esforzos nunha iniciativa inspirada polo compromiso social, convencidos de que o compromiso ético das nosas intervencións profesionais é básico, especialmente cando tratamos con feitos ou procesos que colocan os seus e as súas protagonistas en situación de vulnerabilidade.

CPXG