O CPXG lembra ao alumnado de xornalismo da USC que pode colexiarse de balde

Valeria Pereiras na visita de este luns á Facultade de Ciencias da Comunicación da USC

Na tarde do luns 9 de marzo, Valeria Pereiras Reza, membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas, acudiu á aula da materia de Áreas de Especialización Xornalística da Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela para manter un encontro co alumnado do cuarto curso de Xornalismo. Na xuntanza, Pereiras explicou ao alumnado cal é labor do CPXG en defensa da profesión e cales son as vantaxes que conleva a colexiación, que é gratuíta para os e as estudantes que superaran a metade dos créditos.

Grazas á campaña Coléxiate!, as e os estudantes poderán aproveitar de balde todas as vantaxes de estar colexiado, como estar ao día de todo o que acontece na profesión, contar con asesoría xurídica de balde, gozar de descontos e tarifas especiais en numerosos productos e servizos ou seguir os cursos de formación.

Para poder acceder á colexiación a través desta vía, é preciso ter a metade dos créditos superados. Desta forma, a inscrición como membro do CPXG sería gratuíta, non tendo que realizar o pagamento dos dereitos de colexiación, en concepto de xestión e tramitación, que se efectúa no momento de formalizar a entrada no Colexio. Tamén quedan exentos de abonaren as cotas semestrais mentres figuren como colexiados e colexiadas estudantes.

O período máximo para estar colexiado como estudante é de dous anos. A colexiación pode realizarse a través da páxina web do Colexio. Para calquera dúbida, pódese contactar co Colexio de Xornalistas na sede de Santiago de Compostela (Rúa Ponferrada, 9, baixo), no teléfono 981 935 670 ou por correo electrónico escribindo para xornalistas@xornalistas.gal, así como a través das distintas redes sociais do Colexio.
 
CPXG