O CPXG oponse frontalmente a un anteproxecto de lei que aumenta o control sobre os medios públicos e despreza a toda a profesión
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia manifesta o seu rexeitamento ao Anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital aprobado polo Consello da Xunta, que elimina conquistas da actual lei como a elección por maioría cualificada da dirección xeral, o Estatuto Profesional ou o Consello de Informativos. Lonxe de avanzar na independencia dos medios públicos, o texto sometido a exposición pública significa un retroceso moi preocupante, un menosprezo á profesión xornalística e o incumprimento das directrices do Regulamento Europeo de Liberdade de Medios.
Ante a exposición pública do Anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital aprobado onte polo Consello da Xunta de Galicia, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere manifestar, con rotundidade, o seu rexeitamento a unha proposta normativa que supón un grave retroceso na necesaria desgobernamentalización dos medios públicos, así como un desprezo á profesión xornalística. O Colexio de Xornalistas trasladará ao goberno galego, como xa fixo no período de consulta pública, a súa visión sobre os numerosos aspectos do anteproxecto que non consideramos aceptábeis, mais como entidade de representación da profesión vese na obriga de avanzar algunhas observacións sobre os elementos máis lesivos, centrándose naqueles estritamente xornalísticos e que afectan ao dereito da cidadanía a recibir unha información veraz na lingua propia.
O anteproxecto presentado elimina algunhas das claves de bóveda introducidas pola Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. Se ben é certo que levaban máis dunha década sen seren implementadas, non son o persoal dos medios nin o conxunto da sociedade galega quen debe pagar pagar a falta de vontade das e dos responsábeis políticos para pólas en marcha. A anomalía que supuña o incumprimento de aspectos cruciais da lei actual non pode resolverse en ningún caso eliminando aqueles mecanismos e ferramentas que, cando menos sobre o papel, pretendían garantir a independencia editorial dos medios públicos de Galicia.
Resulta esencial que a elección da dirección xeral se produza co maior consenso posíbel. Porén, e aínda que o artigo correspondente estabelece unha maioría de dous terzos ou tres quintos do Parlamento, o anteproxecto introduce unha disposición adicional segunda que na práctica permite a escolla por maioría absoluta, o que suporía a súa elección só cos votos do partido no goberno e un reforzamento do uso dos medios públicos como ferramenta de propaganda. O texto presentado chega ao punto de citar o Regulamento sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación como un dos seus motivos, cando esta normativa comunitaria, de obrigado cumprimento para todos os estados membros, alerta explicitamente contra aqueles "casos nos que as reformas lexislativas nos Estados membros aumentaron o control gobernamental dos medios de comunicación de servizo público, tamén no que respecta ao nomeamento das persoas que exerzan a dirección do consello de administración dos medios de comunicación de servizo público, ou dos membros deste".
No anteproxecto elimínanse outros aspectos da actual lei de especial relevancia para o xornalismo, como son o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, que debían promover a calidade dos contidos informativos e a participación das e dos profesionais. Malia ás referencias reiteradas, ao longo de todo o texto, á "autorregulación", desaparecen totalmente os órganos de intervención profesional, e a participación da redacción queda agora diluída nun Consello Asesor de Participación Social e Profesional fundamentalmente consultivo, no que apenas haberá dous profesionais dos medios públicos entre quince integrantes, e cuxos membros serán maioritariamente escollidos polo Parlamento e o Consello da Xunta, quedando aberta incluso á participación de cargos políticos locais. Mesmo a aprobación dunhas normas de estilo e autorregulación dos servizos informativos se deixa en mans do Consello de Administración, un órgano xestor elixido polos responsábeis políticos, outro menosprezo ás e aos xornalistas, que son quen mellor poden contribuír á profesionalidade e independencia da información. Ademais, a lei actual recolle a creación dunha autoridade audiovisual independente que desapareceu neste anteproxecto, un organismo avaliador externo do que dispoñen xa algunhas comunidades autónomas e boa parte dos países da nosa contorna, afondando aínda máis no control e a dependencia política dos medios públicos galegos.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ve con fonda preocupación este anteproxecto de lei no que non se atenderon as principais consideracións que manifestamos no proceso de consulta previa. Con todo, e como non podía ser doutra maneira, como entidade de dereito público e en representación da profesión, volveremos participar no proceso de exposición pública deste anteproxecto, que permite presentar suxestións ata o 22 de agosto.
Os medios públicos son unha peza imprescindíbel do ecosistema comunicativo galego e da configuración dunha esfera pública saudábel. Para evitar que sexan presa das liortas partidarias e da desafección social cómpre que a lei que os regula teña o maior consenso político, social e profesional posible, e que se estabelezan garantías de que a súa información responde aos criterios de profesionalidade, pluralidade e liberdade. Por todo isto, instamos ao goberno galego a substituír este anteproxecto de lei por un que garanta a independencia dos medios públicos no canto de reverter os avances conseguidos nestas décadas, e á sociedade galega a opórse con contundencia a unha norma que só pode redundar na deterioración da nosa calidade democrática.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia