O CPXG organiza unha xornada gratuíta para capacitar xornalistas como formadores e formadoras contra a desinformación
Queres formar parte do equipo do Colexio de Xornalistas para impartir obradoiros de alfabetización mediática de maneira remunerada? O 14 de decembro terá lugar unha xornada de formación, gratuíta e aberta a todas as persoas colexiadas, para integrar a bolsa de traballo da que sairán as formadoras e formadores dos programas contra a desinformación do Colexio. O curso vai desenvolverse das 10:00 ás 14:00 horas en Santiago de Compostela.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza o vindeiro sábado 14 de decembro, en horario das 10:00 ás 14:00 horas, unha xornada de formación aberta e gratuíta para todos aqueles colexiados e colexiadas interesadas en formar parte de proxectos de alfabetización mediática. As persoas participantes pasarán a formar parte dunha bolsa de traballo do Colexio para impartir talleres sobre desinformación en galego, de maneira remunerada. A formación desenvolverase en Santiago de Compostela.
O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega un programa de formación en alfabetización mediática que a forneza de ferramentas contra a desinformación e as mentiras. O programa iniciarase con obradoiros dirixidos ao alumnado da provincia da Coruña, mais continuará con outros enfocados tanto á poboación escolar como adulta.
Con este curso, as e os xornalistas coñecerán as distintas ferramentas para contrastar informacións, fotografías, vídeos, audios e contas de redes sociais, ademais de ter unha visión completa das formas e das estratexias da desinformación. Forneceranse tamén nocións básicas de didáctica para trasladar estes coñecementos á poboación xeral, para alén de descubrir distintos recursos educativos que se poden usar para a alfabetización mediática.
O curso estará impartido pola catalá Nereida Carrillo, doctora en Xornalismo e Comunicación pola Universitat Autònoma de Barcelona e profesora nesa mesma institución. Freelance e colaboradora en distintos medios, ademais de no Col·legi de Periodistes de Catalunya, ten impartido numerosos obradoiros formativos a través do programa EduCAC e desde setembro de 2020 lidera a plataforma Learn to Check, un proxecto educativo para combater a desinformación e promover a verificación dixital.
O curso está aberto de maneira gratuíta a todas as colexiadas e colexiados do CPXG, aínda que as prazas son limitadas. Para poder acceder á formación e á bolsa de traballo, é necesario inscribirse a través deste formulario. A data límite de inscrición é o martes 10 de decembro.
CPXG