O CPXG pide á RTVE que corrixa o proceso selectivo de persoal para garantir a formación adecuada
No cadro do proceso selectivo para a cobertura de postos de traballo de persoal laboral fixo na Radio e Televisión Española, cuxas bases non inclúen a titulación específica para os postos informativos, e ante as declaracións que mostran a vontade de seguir con esta situación, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas quere reclamar unha vez máis á dirección da corporación pública que rectifique as condicións do proceso para evitar o desprezo á formación que garante o tratamento profesional da información.
A Corporación de Radio e Televisión Española (RTVE) puxo en marcha en xuño do ano pasado o proceso selectivo para a cobertura de 767 postos de traballo de persoal laboral fixo e, unha semana máis tarde, aprobou a ampliación dos postos ofertados, até 1.082. As bases xerais da convocatoria publicáronse o 21 de decembro de 2022 e as específicas para a ocupación tipo de información e contido non foron feitas públicas até o pasado 28 de marzo. De acordo coas devanditas bases específicas, para este posto informativo esíxese unha titulación universitaria de grado o licenciatura, sen incluír a necesidade de que se trate dunha titulación específica en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, nunha inadmisíbel falta de respecto á formación que acredita que a información vai ser tratada con profesionalidade, que por desgraza non é a primeira nun medio público.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, xunto aos outros colexios que se agrupan na Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, expresou daquela a súa disconformidade con que "desde o sector público se fomente o intrusismo laboral nunha profesión clave para a democracia como é o xornalismo, cuxos profesionais exercen un servizo esencial, motivo polo cal deben contar coa preparación adecuada para levalo a cabo con rigor e dunha maneira ética e deontolóxica". Posteriormente, as compañeiras e compañeiros do Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía presentaron un recurso, que por suposto apoiamos desde o CPXG, no que se reclamaba a rectificación o modificación das bases específicas para incluír a titulación correspondente a estes postos.
Perante as noticias e declaracións máis recentes, que mostran a teimosía da dirección da RTVE en continuar a defender un proceso que despreza a formación específica das e dos xornalistas, o Colexio de Xornalistas quere insistir unha vez máis en que só a titulación en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, ou no seu caso a colexiación, son garantías de que a información vai ser tratada con corrección e profesionalidade. Se desprezar esta titulación xa é grave e calquera caso, éo moito máis cando se produce nun posto público, dado que a administración ten que ser garante do dereito á liberdade de información. O Colexio de Xornalistas reclama, por todo iso, que a dirección da Corporación de Radio e Televisión Española reflexione e rectifique cando aínda é tempo as condicións deste proceso selectivo.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia