O CPXG promove a creación en Lugo dun mural de Xoana Almar a favor da liberdade de expresión

Xoana Almar e Iago Eireos, ante os traballos do mural

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Lugo, impulsa a realización  dun mural en defensa da liberdade de expresión, as mulleres xornalistas e a igualdade de xénero na profesión. Xoana Almar é a autora desta obra artística que empeza a ser unha realidade hoxe na parede circular dun dos edificios da antiga Frigsa no lucense parque da Milagrosa.

Con motivo da celebración do Día Internacional da Liberdade de Prensa este martes, 3 de maio, a artista traballa nunha proposta fundamentada nun dos principos básicos do xornalismo que resume a profesión en tres accións: ir, ver e contar. Ao tempo visibiliza como as mulleres constitúen na actualidade a maior forza de traballo nas redaccións de todo o país e tamén a importancia de escoller voces e olladas femininas como fonte de información para reflectir axeitadamente a pluralidade do noso mundo. O mural de Xoana Almar pretende ademais homenaxear o xornalismo local e a súa función esencial para manter informada a comunidade e garantir os seus dereitos democráticos.
 
O proxecto encádrase na terceira edición do festival de arte urbano Culturban, organizado pola área de Cultura do Concello de Lugo e o Espazo Lupa Arte. O artista lugués Iago Eireos coordina este festival, que procura as interaccións entre as expresións creativas plásticas e o urbanismo a través de intervencións nos espazos públicos.
 
Xoana Almar formouse como ilustradora, economista e antropóloga. Estudou en Granada e alí comezou a traballar no eido da pintura a partir do 2008. No 2013 volve a Galicia e constitúe xunto a Miguel Peralta e Raquel Doallo a cooperativa Cestola na Cachola, onde traballa como muralista, pintora e ilustradora. No seu traballo hai influencias de diferentes nomes da pintura galega, tanto clásicos como actuais. A través das súas personaxes, maioritariamente femininas, sobresae unha busca de formas sinxelas coas que tenta expresar unha personalidade ou historia de vida. 
 
 

CPXG