O CPXG reclama a presenza dos colexios de xornalistas como membros do Foro Goberno Aberto

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia presentou este xoves alegacións ao proxecto de Real Decreto para a creación do Foro Goberno Aberto, na que se pide incluír unha representación da profesión como membros de pleno dereito a través de dúas persoas nomeadas polos Colexios de Xornalistas. A reclamación, presentada de maneira coordinada polos integrantes da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, aproveita tamén para lembrar que as demandas de constitución do Consello Xeral seguen sen ser atendidas. 

A decana Belén Regueira vén de presentar un documento de alegacións, no nome do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, ao proxecto de Real Decreto polo que se crea e regula o Foro Goberno Aberto. No escrito, reclámase a presencia como membros de pleno dereito do futuro ente das e dos profesionais da comunicación, a través dos Colexios de Xornalistas, que son as entidades de dereito público facultadas por normas autonómicas para exercer esta representación. 

O documento lembra que o Plan de Goberno Aberto de España 2025-2029 establece precisamente compromisos relacionados co xornalismo e a comunicación, como melloras na transparencia e acceso á información e melloras na lingaxe e comunicación da administración, uns aspectos nos que en moitas ocasións, de maneira altruista, os Colexios de Xornalistas xa están a asesorar a distintas administracións, polo que as súas achegas poden resultar de grande utilidade. Ademais, a participación das e dos xornalistas implicaría a representación dunha actividade profesional intimamente ligada á participación ciudadana, o pluralismo político e a transparencia, ademais de contribuír á combater o deterioro na confianza cidadá cara ás institucións.

Porén, o proxecto de Real Decreto non recolle os Colexios de Xornalistas e só contempla, como observador relacionado coa profesión, con voz pero sen voto, unha asociación privada que carece legalmente de funcións de representación do colectivo. É por isto que o Colexio de Periodistas solicita modificar o texto para incluír como membros de pleno dereito "dúas persoas representantes dos Colexios Profesionais de Xornalistas de España, a proposta destes, ben a través da actual Rede ou ben do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Xornalistas de España”.

O escrito de alegacións aproveita para lembrar que as demandas para a creación do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas seguen sen ser atendidas, mais que o Real Decreto debe ser previsor e adiantarse a posíbeis cambios futuros como a súa constitución. Esta falta dun colectivo que represente aos Colexios de Xornalistas a nivel estatal, unha clara discriminación cara ao colectivo, é o que provoca que estas alegacións se realicen desde os distintos colexios, aínda que de maneira coordinada coa Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas.

CPXG