O CPXG reclama ao Porto de Vigo que inclúa como requisito ser titulado en xornalismo ou colexiado para a contratación dun responsábel de comunicación
O pasado xoves 15 de outubro publicouse no DOG a convocatoria para a contratación, mediante probas selectivas, dun posto de responsable de Comunicación e Imaxe de persoal laboral fixo para a Autoridade Portuaria de Vigo. Segundo establecen as bases, o requisito será estar en posesión dunha titulación universitaria para acceder ao posto.
Porén, as mesmas bases conceden unha maior puntuación ao "máster en xornalismo ou equivalente" que ao "grao en xornalismo ou equivalente", polo que puidera acontecer que un aspirante cunha titulación diferente ás relacionadas coa comunicación, pero que realizase un mestrado accedese ao posto por riba doutro que si tivese unha formación específica en comunicación.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, como entidade que representa legalmente aos/ás xornalistas na comunidade galega, lembra que a única titulación que acredita para realizar labores de comunicación é a licenciatura ou grao en Ciencias da Comunicación e/ou a colexiación no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Aínda que un mestrado en xornalismo poida dar certos coñecementos sobre a materia, non substitúe, en ningún caso, a formación obtida a través dun grao universitario.
Por todo isto, o Colexio de Xornalistas solicitou ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique César López Veiga, que substitúa a devandita convocatoria por outra que inclúa como requisito ser titulado/a en Xornalismo ou Ciencias da Comunicación e/ou colexiado/a do CPXG.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia