O CPXG reivindica este 8 de marzo as xornalistas que abriron camiño na profesión
O Colexio de Xornalistas comparte, na semana previa ao 8 de marzo, as entrevistas a comunicadoras do pasado recente incluídas en As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada. As testemuñas destas trece profesionais que informaron desde os comezos da democracia e a autonomía queren ser unha homenaxe a unha xeración que gañou un espazo para as mulleres dentro do xornalimo galego.
Con motivo da celebración, este 8 de marzo, do Día Internacional da Muller, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia estivo a compartir ao longo desta semana os testemuños das xornalistas precursoras entrevistadas en As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada, un proxecto coordinado pola tesoureira do CPXG, Eliana Martíns, que recibiu em 2024 un dos premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña. Trátase dunha iniciativa de reivindicación e homenaxe ás profesionais que, no pasado máis recente, exerceron a profesión nunha democracia en obras e nunha sociedade abertamente machista. Se ben houbo pioneiras que practicaron o xornalismo desde o século XIX, elas e outras comunicadoras en activo nos últimos trinta ou corenta anos, abriron camiño para a construción dunha profesión que a día de hoxe é maioritariamente feminina e temos a fortuna de contar co seu relato para servir de exemplo e reflexión e contribuír a un relato máis plural e xusto do xornalismo galego.
Desde este luns 2, as redes do Colexio de Xornalistas compartiron as palabras de Rita Alonso, Isabel Bravo, Pilar Fariña, Ujué Foces, Cristina Huete, Cristina Lombao, Margarita Ledo, Carmen Merelas, Tareixa Navaza, Concha Pino, María Xosé Porteiro, María Rey e Ana Romaní, como representación desta xeración que gañou un espazo para as informadoras desde os anos setenta. As entrevistas foron realizadas por Noemí Alonso, Ángela Casal, Ana G. Liste, Eliana Martíns, Natalia Puga, Carmen Quintela, Belén Regueira e Sonia Vizoso, profesionais en activo na actualidade, estabelecendo así unha ligazón entre as xornalistas mulleres de distintas etapas da profesión en Galicia.
O obxectivo é o de rescatar, visibilizar e valorar o papel das xornalistas na historia da profesión na nosa comunidade, ademais de inspirar as novas xeracións con referentes mulleres. E esa visibilización ten que ir alén das trece mulleres cuxo testemuño compartimos esta semana. As mesmas protagonistas descobren nas súas respostas o valor doutras profesionais que ficaron fóra do proxecto por cuestións de tempo ou espazo. Os seus nomes e as súas historias tamén deben ser reivindicadas, porque só desta maneira poderemos coñecer verdadeiramente a historia do xornalismo galego. Recoñecer e poñer en valor o traballo das xornalistas galegas, outorgándolles o lugar que merecen, non é un acto menor: é unha ferramenta de transformación social e de xustiza.
CPXG