O CPXG resolve que a TVG menoscabou os dereitos profesionais do xornalista Luis Quintas e ocultou información esencial para a cidadanía

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) decidíu outorgar o seu amparo ó colexiado Luis Quintas Rodríguez fronte á dirección dos servicios informativos da Televisión de Galicia (TVG).
Tras investigar os feitos e consultar coas partes interesadas, esta Xunta entende que os superiores de Quintas, redactor da TVG, menoscabaron inxustificadamente os dereitos que lle asisten como xornalista ó emitiren coa súa voz unha noticia que fora mutilada sen o consentemento previo do autor.

Os feitos ocorreron o pasado 26 de outubro, cando a TVG ofreceu no seu Telexornal Serán un vídeo sobre os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) referidos a Galicia, coa voz en off de Quintas, que en realidade era unha versión deturpada da noticia que o xornalista elaborara para o informativo do mediodía.

Segundo as testemuñas recabadas por esta Xunta de Goberno, a dirección de informativos ordenou retirar da noticia redactada e lida por Quintas os parágrafos nos que explicaba que o paro en Galicia medrou un cinco por cento durante o último ano. Como eses datos figuraban na parte central do vídeo confeccionado polo redactor, fíxose unha nova montaxe que danou mesmo a calidade técnica do material emitido.

Comprobados os feitos, a Xunta de Goberno do CPXG quere expresar públicamente:

1) A máis básica lóxica xornalística, os criterios estatísticos e ata o senso común indican que en informacións dese tipo resulta inexcusable a referencia á evolución anual dos datos para que éstes poidan ser situados no seu contexto. Semella difícil atopar un organismo oficial ou un medio de comunicación de calquera parte do mundo que non se ateña a esas convencións. Polo tanto, entendemos que a TVG incumpríu a súa obriga de ofrecer ó público unha información veraz e completa, o que dana a credibilidade dun medio de comunicación sufragado cos impostos de tódolos cidadáns. Os responsables da canle autonómica aseguran que se limitaron a recurtar a versión orixinal da noticia porque era demasiado longa. O curioso é que da gravación só desapareceron xustamente os datos negativos respeito á situación do emprego en Galicia, malia que, ó ocuparen a parte central do vídeo, a súa eliminación obrigaba a unha nova montaxe que afectou, como queda dito, á calidade do material emitido. Non tería ocorrido o mesmo se simplemente se suprimira o tramo final da gravación, unhas verbas da conselleira de Asuntos Sociais, único persoeiro do que se ofrecían valoracións sobre os datos.

2) A dirección de informativos comprometeu a dignidade e a imaxe profesional do colexiado Luis Quintas. Ningún xornalista pode ser obrigado a asinar unha información contra a súa vontade, e, neste caso, emitíuse, coa voz perfectamente recoñecible do redactor, unha versión da noticia que desvirtuaba de xeito sustancial o traballo de Quintas. A dirección xeral da TVG transmitíu ó redactor, a través desta Xunta de Goberno, as súas disculpas polo sucedido.

3) A Xunta de Goberno quere eloxiar expresamente ó xornalista pola súa determinación de facer públicos os feitos e trasladalos ás instancias profesionais correspondentes. Malia tódolos atrancos impostos polas circunstancias laborais, os xornalistas temos a responsabilidade de tratar de impedir que estes comportamentos queden impunes.

4) Dada a gravidade do sucedido, lembramos ós responsables dos medios de comunicación públicos que entre as súas obrigas legais non figura o agochar as malas noticias, senón ofrecer ós cidadáns tódalas informacións de interese e relevancia, como é obvio que ocorría neste caso. Tamén reiteramos o noso chamamento ás forzas políticas para que, máis alá da retórica, se comprometan con feitos visibles ás reformas legais indispensables para poñer fin á instrumentalización partidista dos medios públicos, que supón unha burla ás regras da democracia.

5) Nunca será posible que a radio e a televisión públicas cumpran de verdade os obxectivos para os que foron creados se non son rexidas por unha Autoridade independente do poder político e nacida de maoirías cualificadas do Parlamento. O CPXG considera asemade indispensable que nas redaccións de informativos dos medios de titularidade pública existan órganos que permitan que sexan os criterios profesionais os que determinen que é noticia. O caso que nos ocupa pon de manifesto a necesidade de crear comités de redacción nos medios públicos para evitar que os xornalistas fiquen indefensos ante calquera decisión arbitraria que afecte ó contido do seu traballo. A TVG comprometeuse hai anos á instauración de tales órganos profesionais, e reclamamos que tal promesa non siga soterrada no esquecemento.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2004

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)